A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol —integrado polas administracións locais de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño— vén de recibir unha subvención de 55.342,98 euros para o servizo de Atención Temperá que presta a través dun convenio coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps).
Trátase dun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos dos nove concellos da Mancomunidade, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os pequenos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Desde o comezo da súa actividade, o pasado mes de setembro, préstase asistencia a 72 usuarios. Do importe total da subvención, 17.000 euros destinaranse ao servizo de logopedia e o resto á rama de psicoloxía. Debido ao estado de alerta sanitaria, e ante o risco de contaxio da covid-19, o servizo de Atención Temperá suspendeu as consultas presenciais en consonancia coas indicacións das consellerías de Sanidade e Política Social, mais mantense a atención ás familias usuarias do mesmo mediante contacto telefónico e teleasistencia. Calquera persoa que precise contactar co equipo, composto por dúas psicólogas e unha logopeda, pode facelo no teléfono móbil 604 020 974.
Que é a atención precoz?
A atención ou estimulación temperá ou precoz inclúe as actuacións destinadas a detectar e tratar dificultades no neurodesarrollo dos nenos. Son pequenos que padecen ou están en risco de padecer atraso na adquisición de habilidades como o fala, a psicomotricidade, a capacidade de relacionarse cos demais ou a de manipular obxectos.
A prevención, a detección precoz e a atención adecuada unha vez identificado un problema resultan cruciais para o futuro desenvolvemento do neno, polo que nos últimos tempos creceu a presión social para que se invista o suficiente desde o ámbito público para evitar desigualdades e garantir unha atención correcta de todos os menores.