A empresa que executa as obras de aglomerado dos camiños das Cabazas-Pedra Branca está ultimando os traballos que lle foron adxudicados por un importe de 31.300 euros. A concelleira de Obras, Ana Lamas, percorreu acompañada de representantes veciñais e técnicos a zona onde se vai estender o novo pavimento. Sobre o terreo, explicou que os traballos para dotar de novo firme a estas vías quedarán rematados a próxima semana.
A actuación afecta a unha extensión de 2.716 metros cadrados entre os dous ramais. Previamente, leváronse a cabo labores de roza e perfilado de gabias co fin de mellorar a canalización das augas superficiais e, desa maneira, ampliar a vida útil da vía. O proxecto inclúe tamén a reparación de fochas para poñer ao mesmo nivel a superficie sobre a que se vai estender a nova capa. A elección do aglomerado para a reparación do camiño responde ao obxectivo de reducir os custes de mantemento, xa que este tipo de pavimento ten maior durabilidade e calidade que o asfáltico existente.
As vías emprázanse dentro dun entorno rural parcialmente urbanizado e dan servizo a unha vintena de vivendas, ademais do campo das Cabazas, un espazo que ten diferentes usos ao longo do ano. Trátase dun camiño que parte da estrada DP-3603 e que logo duns 120 metros se bifurca noutros dous máis estreitos, cada un dos cales ten unha lonxitude aproximada de 450 metros.