A Policía Local de Ferrol identifica ao propietario dun can que atacou a unha muller

Tamén sancionou a unha condutora que superaba a taxa de alcoholemia permitida e levaba a dous menores no vehículo

A Policía Local de Ferrol identificou ao propietario dun can que presuntamente atacou o pasado domingo, de madrugada, a unha veciña de Fene no lugar de Vinculeiro (Ferrol). Tras recibir o 092 unha chamada na que se informaba do suceso, unha patrulla achegouse ao lugar, onde xa non se atopaba ninguén, polo que se desprazou ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) para comprobar se tiña ingresado algunha persoa con feridas producidas por mordedura de can. Alí, nas urxencias do Arquitecto Marcide, localizaron á vítima. O dono do animal é un veciño de Narón. Todos os datos lle foron facilitados á Policía Nacional, que se fixo cargo das dilixencias.

Pouco antes, a noite do sábado, axentes do corpo municipal denunciaron a unha condutora que circulaba polo barrio de Caranza superando a taxa de alcohol permitida. No vehículo viaxaban tamén dous menores de idade. Foi sancionada cunha multa de 1.000 euros e a perda de seis puntos no carné de conducir. Ademais, inmobilizóuselle o coche no depósito municipal.

A noite do domingo a Policía Local efectuou outra denuncia por incumprimento da ordenanza de limpeza contra un veciño de Ferrol por depositar dous lavabos e dous váteres na estrada de Castela tras efectuar obras na súa vivenda. O corpo investiga un suceso ocorrido tamén o domingo, cando recibiu o aviso de
que se producira un accidente no cruce do Confurco, na parroquia de Mandiá. Unha vez alí, os axentes comprobaron indicios na vía, marcas do freada e restos de cristal de automóbil. Había un poste tirado no chan, que arrastrou o cable do tendido telefónico quedando depositado sobre a calzada, polo que foi necesario avisar ao corpo de Bombeiros para despexar a zona. Tamén se alertou á compañía Telefónica para que subsanara a avaría provocada polo sinistro.

Por último, a Policía Local informa de que o día 22 localizou xunto a un contedor de lixo unha caixa con gatos, polo que se deu aviso ao servizo de lacería para a súa recollida.

Salir de la versión móvil