O que comezou como unha procura familiar para recuperar a memoria dun ser querido rematou cun achado inesperado. A apertura dun nicho no cemiterio de Catabois, en Ferrol, permitiu localizar os restos mortais de polo menos seis persoas.
A actuación realizouse no marco do Plan de Memoria Democrática de Galicia, logo da solicitude da familia de Guillermo Díaz Vales: un contramestre do Acorazado España que foi fusilado tras o golpe de 1936.
A historia remóntase aos traballos realizados entre 2023 e 2024 no cemiterio de Santa María a Maior do Val, en Narón, onde se documentou unha das fosas comúns con máis vítimas da represión franquista en Galicia, pois alí foron fusiladas 34 persoas en decembro de 1936, entre elas Guillermo Díaz Vales.
Os restos de Díaz foron exhumados de forma clandestina arredor do ano 1947, e trasladados primeiro a Doniños e posteriormente ao cemiterio de Catabois, onde foron depositados nun nicho familiar.
A neta de Díaz solicitou formalmente a apertura do nicho para tratar de localizar e identificar os restos do seu avó. Unha intervención que foi realizada por HISTAGRA e o IMELGA, coa presenza de familiares, representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática, o colectivo Lentes Diverxentes e a fiscal de Memoria Democrática e Dereitos Humanos, María Encarnación Mayán.
Durante a inspección inicial, o antropólogo forense Fernando Serrulla detectou restos pertencentes a polo menos seis varóns distribuídos en dúas caixas. Nun dos cranios observouse un orificio que podería corresponder a un disparo de arma de fogo.
Non obstante, os especialistas advirten de que é necesario continuar coas análises en laboratorio antes de emitir conclusións definitivas, pois a orixe dos restos segue a ser unha incógnita. «A exhumación dos anos corenta [foi] feita de forma clandestina e posiblemente de noite, nunha fosa na que se atopaban os restos de 34 persoas, é probable que se puidese coller máis dos correspondentes a unha persoa, fose Guillermo ou non». Ademais, reitero que é un nicho familiar», explican dende HISTAGRA. Ao tratarse dun nicho familiar, non se descarta que os restos estean mesturados con outros que non gardan relación cos feitos investigados.
Os próximos pasos centraranse na análise antropolóxica e xenética dos restos. Unha vez dispoñibles os resultados, a equipa científica valorará as posibles actuacións, en coordinación coa familia, «un dos piares fundamentais» do proceso, segundo destaca HISTAGRA.
O traballo en Catabois forma parte dunha metodoloxía consolidada dende 2021, cando se asinou o primeiro Plan de Memoria Democrática de Galicia coa participación da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela. O grupo HISTAGRA lidera estas intervencións cunha equipa interdisciplinar que inclúe arqueólogos, historiadores, forenses e especialistas en xenética, en colaboración constante coas asociacións e familias afectadas.