O edil de Seguridade, Germán Costoya, ofreceu hoxe detalles do proxecto de renovación do mercado da Magdalena que está a preparar o Concello de Ferrol, unha iniciativa que neste momento se atopa en proceso de elaboración dos pregos para a súa contratación e que está presupostada en 300.000 euros.
Está previsto que a obra se desenvolva en torno a tres eixos, que son a reparación de cubertas, a substitución de carpinterías exteriores e o tratamento das fachadas. A primeira parte consistirá na actuación sobre o tellado da cuberta principal, coa limpeza de canles e a aplicación de pinturas de minio electrolítico e de sikalastic.
Tamén se reparará a cuberta das escaleiras que conducen ás dependencias da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, co desmontado da impermeabilización adherida, a realización de taladro pasamuros, aplicación de enfoscado hidrófugo, a instalación de baixantes de aluminio, a impermeabilización, o emplastecido e aplicación de pintura plástica e a colocación dunha porta cortalumes.
En canto á carpintería exterior, levantaranse as lamas de vidro para substituílas por outras de aluminio lacado e reixas de ventilación, e poñeranse novos vidros. Por último, no referido ás fachadas, actuarase sobre elas con auga a presión, ao igual que nas terrazas, onde se aplicará pintura sikalastic e se retirarán as gravas das cubertas planas para a súa limpeza e reposición. Tamén se repararán as xuntas de dilatación.