A Universidade da Coruña abre mañá, mércores 29 de abril, o prazo para presentar a documentación que acredite un Nivel B1 de inglés para a admisión no grao en Xestión Industrial da Moda no curso 2020/21 no campus de Ferrol. O certificados poderán remitirse, única e exclusivamente, a través da páxina web ata o vindeiro 19 de xullo. A acreditación do cumprimento deste requisito, ao tratarse dunha titulación bilingüe, non exime da realización dos trámites de acceso e admisión á universidade.
O cumprimento do requisito do nivel de inglés poderá acreditarse mediante unha certificación oficial do nivel B1 de inglés, unha cualificación en inglés igual ou superior a 7 nos dous cursos de Bacharelato, tendo cursado, en sistemas educativos de fala inglesa, 4º da ESO ou un curso de Bacharelato ou mediante un diploma de asistencia e aproveitamento de nivel B1.2 ou superior de inglés, ou diploma de dominio de nivel B1 ou superior do Centro de Linguas da Universidade da Coruña. Tamén se admitirán os certificados similares expedidos por outros centros de linguas doutras universidades españolas.
O Grao en Xestión Industrial da Moda impártese desde o curso 2018/19 na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol. Trátase dunha titulación única en España xa que aglutina materias de deseño, arte, xestión empresarial, enxeñaría de procesos, sistemas de información ou sustentabilidade. Boa parte destas asignaturas impártense integramente en lingua inglesa de aí que o alumnado interesado en cursar este título deba acreditar o seu coñecemento do idioma. O resto das materias impártese en galego ou castelán. A titulación oferta un total de 50 prazas e a nota de corte foi o curso pasado de 8.030.