A Xunta abrirá o paseo da Malata os fins de semana para peóns pero non para bicicletas

As obras continuarán desenvolvéndose de luns a venres duarante varias semanas máis

Desde este venres, e durante as fins de semana, a Xunta abrirá á circulación de peóns o paseo marítimo da Malata, en Ferrol, que se ve afectado polas obras de saneamento que se están a levar a cabo na zona. Nestes momentos, os traballos avanzan a bo ritmo e o grado de execución xa é superior ao 50%.
A execución do colector previsto nese paseo marítimo require, previamente, a construción de catro cruces de pluviais que esixiron cortar o tráfico peonil, por cuestións de seguridade.

En todo caso, para favorecer que os veciños poidan desprazarse polo paseo cando non haxa actividade, a Xunta habilitará, desde este venres e nas fins de semana, a zona para permitir os desprazamentos a pé. Por cuestións de seguridade, será preciso manter o espazo cortado nos días laborables durante varias semanas máis.

Deste xeito, a partir de mañá, o paseo marítimo da Malata quedará aberto durante as fins de semana, garantíndose un ancho mínimo de 2 metros para a circulación nesas catro zonas puntuais onde se están a executar os cruces de pluviais. Facilítase así o tránsito peonil, non permitíndose, polo momento, a utilización do carril bici. En todo caso, a zona estará debidamente valada e sinalizada. Unha vez rematados os catro cruces de pluviais, a execución do colector permitirá o tránsito peonil e só quedará afectado o carril bici.

Obras avanzadas

Nestes momentos as obras de saneamento da Malata avanzan a bo ritmo: tanto o tanque de tormentas como a estrutura de regulación da Malata teñen as súas estruturas moi avanzadas e xa se executaron máis de 1.350 dos 4.000 metros de colectores interceptores proxectados. Ademais, o tanque de tormentas do entorno do CIS, na Cabana, está xa practicamente rematado e só pendente da instalación dos equipos e das acometidas.

Así, de acordo á posta en servizo planificada por fases, antes do verán poderá conectarse ao sistema de saneamento o entorno da Cabana, co que a metade da enseada quedará libre de vertidos mentres se completan as obras na zona da Malata.

 

Salir de la versión móvil