A Xunta de Galicia vén de iniciar o procedemento para a adxudicación dun total de 11 vivendas de promoción pública (VPP) no Concello de Ferrol. As vivendas serán adxudicadas mediante sorteo público que se celebrará o vindeiro 24 de marzo entre os demandantes ferroláns que estaban inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia na data de inicio do procedemento, é dicir, 19 de febreiro.
Concretamente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará estas vivendas, localizadas en Fonte da Greza, a menores de 35 anos ou maiores de 65. Trátanse de vivendas de 1 e 2 dormitorios dirixidas a familias con entre un e catro membros. Unha delas, ademais, está adaptada para persoas con mobilidade reducida, polo que se reservará para persoas cun grao de discapacidade recoñecido.
A adxudicación farase en réxime de alugueiro e os contratos terán unha duración inicial de sete anos. O importe mensual do arrendamento, aínda que dependerá do tamaño da vivenda, moverase sempre por debaixo dos 64 euros ao mes.
Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicaranse nos taboleiros de anuncios do concello e do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) así como na páxina web deste organismo. Así mesmo, a continuación abrirase un prazo de 10 días para a presentación de posibles reclamacións.