A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, visitaron esta mañá a Unidade de Saúde Mental do CHUF, onde se están a levar a cabo obras de acondicionamento para a humanización deste espazo que estarán listas nas próximas semanas.
Durante a visita, os responsables da Xunta anunciaron a convocatoria pola vía do concurso de méritos de 25 prazas de facultativos especialistas de difícil cobertura para a Área Sanitaria de Ferrol. Segundo detallou o xerente, 14 desas prazas serán de especialistas en saúde mental no hospital (3 psiquiatras, 5 psicólogos clínicos e 6 enfermeiros); 8 de médicos de familia (4 no centro de saúde de Narón, 2 no Fontenla Maristany (Ferrol), unha en Ares e outra nas Pontes) e 3 de pediatras (2 para o Fontenla Maristany e unha repartida entre os centros de saúde de Ortigueira e Cariño).
A delegada territorial puxo en valor o compromiso da Xunta coa atención á saúde mental “que xa se ten demostrado nos últimos anos coa posta en marcha de servizos que nunca existiran na Área Sanitaria de Ferrol como unha unidade de prevención do suicidio ou un hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil”, remarcou.
Máis de 400 prazas
Aneiros lembrou que estas vacantes están incluídas na convocatoria de máis de 400 prazas para toda Galicia que o Goberno galego vai aprobar nas próximas semanas ao abeiro da Lei 2/2022 que permite á Xunta realizar convocatoria mediante concurso de méritos de prazas en propiedade en categorías como facultativos especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, as especialidades médicas nos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia postovid 20-24.
“É unha iniciativa pioneira en Galicia ante o déficit de profesionais que existe en toda España e a inacción do Goberno central que non adoptou ningunha medida para abordar este problema nacional con carácter xeral”, afeou Aneiros. A representante da Xunta destacou que esta medida “non só incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer un maior nivel de estabilidade laboral e cun sistema de acceso máis fácil e sinxelo, senón que tamén permite reter talento”.
Aneiros lembrou que este será o segundo concurso de méritos convocado pola Xunta. “O primeiro foi en abril de 2022 a través do que máis dun cento de especialistas en medicina de familia tomasen posesión dunha praza fixa , delas 8 foron na Área Sanitaria de Ferrol coa incorporación de dous profesionais no centro de saúde de Narón, outros dous nos de Ferrol, un no Fontenla Maristany e outro no de de Caranza, e outros nos centros de saúde de Fene, Cabanas, Pontedeume e Monfero”.
A Xunta prevé resolver o concurso tralo verán e as condicións para os adxudicatarios serán a de permanecer en activo nestas prazas durante un mínimo de dous anos.