A Xunta contrata a elaboración de tres proxectos para a rehabilitación de inmobles en Ferrol Vello

Dispón de 19 inmobles en Ferrol Vello, comprados no marco do Programa Rexurbe, e actualmente está executando as obras de 2 vivendas en Argüelles 1

A Xunta adxudicou o contrato de redacción dos proxectos de rehabilitación de dous edificios na rúa Benito Vicetto 17 e na rúa dos Mártires 9 e a construción dun edificio na rúa Castro 22-24, para vivendas de promoción pública, no Casco Vello de Ferrol. O contrato inclúe a dirección das obras ademais da redacción dos tres proxectos. O contrato foi adxudicado á Consultora de Ingeniería y Empresa, S.L. por importe de 96.319,07 euros e un prazo de tres meses para a redacción.

Por outra parte, o pasado 26 de maio tamén se adxudicou a redacción de catro proxectos para a rehabilitación dos inmobles emprazados nas rúas San Francisco 13 e 21, Río Novo 11 e Rastro 7 (esquina Praza Vella). Esta contrato tamén inclúe a dirección da obra e foi adxudicado a Dosesmas Arquitectos, S.C.P. por importe de 110.572,27 euros e un prazo de tres meses para a redacción dos proxectos.

Proximamente adxudicarase a redacción dos proxectos doutros seis inmobles adquiridos polo IGVS en Ferrol Vello no marco do programa Rexurbe polo que o IGVS adquire e rehabilita inmobles en conxuntos históricos especialmente deteriorados. As vivendas resultantes cualifícanse como promoción pública e adxudícanse en réxime de alugueiro social a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.

En Ferrol Vello, o IGVS xa está executando a obra de construción de dúas vivendas na rúa Argüelles 1, cun investimento de máis de 330.000 euros, e dispón dun total de 19 inmobles adquiridos para a súa rehabilitación.

Salir de la versión móvil