Acordo para iniciar o que será o primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ferrol

Os grupos municipais traballarán para sacar adiante un documento consensuado que defina o futuro desenvolvemento urbano da cidade

Fermín Goiriz

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, presidiu esta mañá a comisión de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación, na que se acordou por unanimidade de todos os grupos municipais establecer un calendario de traballo para revisar e analizar conxuntamente a documentación vencellada coa política de mobilidade co fin de “sacar adiante de forma consensual con todas as forzas políticas o que será o primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) para Ferrol”, explicou o concelleiro.

Dispoñer de dito documento, engadiu, “permitiríanos ademais acceder a diferentes subvencións”. Este plan consensuado aspira a converterse na folla de ruta para actuar en todo o que se refira a mobilidade, accesibilidade, desenvolvemento urbano, peonalizacións ou humanizacións.

Pola súa banda, a concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, propuxo na comisión de hoxe incluír no POS (Plan de Obras e Servizos) Adicional 2020 da Deputación da Coruña o proxecto de aglomerado da avenida de Esteiro, que conta cun orzamento de 243.982,16 euros, debido a que “é unha das arterias máis importantes da nosa cidade”, explicou. Ten unha “gran intensidade de tráfico, polo que un investimento
na súa mellora redundaría nun gran beneficio para a cidadanía ferrolá”, dixo Lamas.

Neste punto, a oposición propuxo modificar a proposta para incluír tamén outra obra, neste caso do rural, como é o aglomerado da estrada da Coba, cun orzamento de 169.517,72 euros. Ambas propostas deberán ser aprobadas no pleno. Por último, a concelleira deu conta da marcha do plan de rozas que desde a súa concellería se está a levar a cabo no municipio.

Salir de la versión móvil