O Concello firmará nas próximas semanas o contrato do proxecto de reurbanización da rúa de Carmen Curuxeiras, logo de que esta mañá a Mesa de Contratación Permanente pechara de forma definitiva o procedemento dunha actuación que significará unha importante mellora para Ferrol Vello. Esta obra, que saíu a licitación o pasado febreiro cun importe de 307.934,74 euro, foi finalmente adxudicada por 268.499 euros.
Os traballos contemplan o mantemento das lousas tradicionais de pedra que aínda se conservan nesta
vía, mentres que o resto do pavimento será retirado. Todas as instalacións, eléctricas, de telecomunicacións e de gas, serán soterradas e renovaranse as canalizacións do abastecemento de auga e dos sumidoiros. A iluminación será substituída por puntos de tecnoloxía LED sobre catenaria e o mobiliario urbano será renovado por completo.
Acceso ao cemiterio de Serantes
Outro dos expedientes que tratou a Mesa de Contratación Permanente foi o relativo á ampliación da vía de acceso ao cemiterio de Serantes, un proxecto incluído no POS do 2018. O proxecto inclúe para o primeiro tramo unha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo haberá 2,20 metros de ancho para estacionar a ambos lados, unha calzada de case 4 e unha beiravía de 2.
Tamén contempla, entre outras actuacións, a instalación dun novo tubo de PVC que se conectará ao saneamento de pluviais executado na estrada DP-3612, a conexión da saída do cemiterio á rede de saneamento e augas fecais, ramplas nas beirarrúas e a colocación de bandas de aviso nos cruces de peóns. A actuación conta cun orzamento de 227.433,86 euros.