O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade investimentos por 1,5 millóns en estradas provinciais de Ferrol e Cedeira. No caso de Ferrol, o pleno aprobou do proxecto actualizado para a terceira fase das obras de ampliación da calzada e construción de beirarrúas na estrada DP-3612, que corresponde ao núcleo da Cabana, que conta cun orzamento de 687.080,27 euros. Esta actuación dará continuidade aos traballos realizados en Serantes, onde a primera fase das obras xa está executada e a segunda fase a piques de rematar, estando previstas as últimas tarefas de pavimentación da vía no vindeiro mes de decembro.
Nesta nova fase, as obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 1+180, coincidindo coa intersección coa estrada a Balón, e 1+640 e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que contribuirán a mellorar a seguridade peonil nunha zona con numerosas vivendas que rexistra un intenso tráfico de vehículos. O proxecto, que incorpora expropiacións, inclúe tamén a renovación dos servizos afectados e a instalación de nova iluminación con novas luminarias LED, máis eficientes e con menor consumo eléctrico que as actuais lámpadas de vapor de sodio.
Rego de Tide
No caso de Cedeira, a Deputación aprobou unha revisión de prezos que incrementa ata os 406.000 euros o orzamento das obras para mellorar a seguridade viaria na estrada DP 2206 en Rego de Tide. Trátase dun vial moi transitado, tanto para a veciñanza como para os visitantes, xa que da acceso a San Andrés de Teixido, un lugar turístico ao que ao largo do ano se traslada un gran número de autobuses.
A actuación, que se levará a cabo entre os puntos quilométricos 0+920 e 1+220, ten como obxectivo eliminar unha curva perigosa que tiña un radio moi reducido, ampliar a sección e incrementar de xeito notable a visibilidade. O novo trazado implica tamén a construción dun terraplén e a creación dunha obra de drenaxe transversal en marco de formigón armado para dar continuidade a un regato. Todas estas modificacións pretenden dotar dunha maior seguridade a esta infraestrutura de carácter básico, facilitando a circulación dos vehículos que transcorren por ela a diario.