As pemes e autónomos de Ferrol poderán solicitar as axudas do PAME desde esta medianoite

Aínda que o prazo se inicia o luns, a sede electrónica do Concello xa recibirá este sábado as peticións

Os autónomos e pequenas empresas de Ferrol que estean en disposición de optar ás subvencións contempladas no Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME) posto en marcha polo Concello poderán presentar as solicitudes a partir desta medianoite, sempre de maneira telemática.

O prazo abre oficialmente o próximo luns, pero dende o inicio do sábado 9 (é dicir, a partir das 0.00 horas) a sede electrónica do Concello de Ferrol, tal e como contempla a Lei, xa recibirá as solicitudes para que entren en prazo. Tamén existe a posibilidade de presentalas a través do Rexistro Electrónico Xeral da Administración Xeral do Estado, ao que se pode acceder a través do Punto de Acceso Xeral.

O PAME é un programa de axudas ás que se poden acoller aqueles negocios con sede en Ferrol que estiveran ou estean afectados pola crise da covid-19, segundo uns requisitos que constan nas bases reguladoras.

A web municipal dispón dun apartado destacado co epígrafe Axudas PAME (Plan de Mellora para a Empregabilidade) que reúne información xeral, un vídeo resumen, as bases reguladoras, un listado da documentación necesaria, un modelo de documento de designación de conta bancaria, unha guía para a sinatura electrónica de documentos, unha guía para a presentación telemática, un modelo de fomulario de solicitude, un modelo de declaración xurada e un modelo de representación.

 

Salir de la versión móvil