O Concello de Ferrol doutou ás casetas de socorrismo das praias da cidade de desfibriladores externos automáticos (DEA), un dispositivo que permite aos socorristas axudar aos bañistas vítimas de paradas cardíacas. Os novos equipoestán destinados para uso de persoas cualificadas para aplicar desfibrilación de emerxencia. Trátase dun desfibrilador externo automatizado que utiliza mensaxes de voz e gráficos visuais para guiar ao socorrista sobre o que debe facer e cando ao longo da secuencia de reanimación, que pode incluír a desfibrilación ou reanimación cardiopulmonar. Funciona tanto para adultos como para nenos a partir de 8 anos.
O pasado 27 de agosto os socorristas do Concello que prestaban servizo na praia de Penencia salváronlle a vida a un surfista de 44 anos que sufriu unha parada cardíaca cando se atopaba sobre a súa táboa. Varios vixiantes acudiron na súa axuda e lograron sacar ao home á area onde, coa axuda dun dipositivo desfibrilador e maniobras de reanimación cardiorespiratoria, lograron que volvera a ter pulso.
O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, indicou que ademais de dotar as praias e instalacións municipais de equipos para aplicar desfibrilación de emerxencia, a vontade a corto prazo do equipo de goberno é incluír Ferrol na rede de cidades cardioprotexidas co fin de “protexer o corazón dos nosos veciños”, dixo. “Somos sensibles” á necesidade de actuar con rapidez, e desde a concellería de Seguridade estamos a avanzar na instalación de estes dispositivos en espacios públicos”.
Incorporación de novos socorristas
O próximo xoves e ata o 13 de setembro activarase o servizo de salvamento nas praias da Graña e Caranza, logo da incorporación de 6 novos socorristas que se contratan con axuda dunha subvención autonómica e que o Concello complementará para cubrir o total dos seus salarios. Trátase dunha convocatoria que a Xunta realiza todos os anos e pola que no 2019 se lle concederan a Ferrol 8 prazas.
Deste xeito, o servizo de salvamento do Concello de Ferrol contará durante a maior parte da tempada cun total de 51 efectivos, que se repartirán por 9 praias, 2 no interior da ría e outras 7 en mar aberto. As primeiras son as citadas de Caranza e A Graña, mentres que as outras son Penencia, Doniños, San Xurxo, Esmelle, A Fragata-O Vilar, Santa Comba e Ponzos.