A Asociación Sociocultural ASCM instalará unha porta automática na súa Sede de Ferrol tras lograr recadar 3.432 dos 3.599 euros necesarios para acometer a reforma, a través da súa campaña de crowdfunding: “Abre as portas á inclusión”. A entidade asumirá o custo da diferenza necesaria para facer máis accesible a súa sede. ASCM agradece a colaboración, desinteresada, de todas aquelas persoas que abriron “as portas á inclusión” a través das súas doazóns á entidade.
A instalación da porta automática, prevista antes do inicio da actividade en setembro, permitirá ás instalacións de ASCM un maior grao de accesibilidade. Ademais, a reforma reforzará as medidas de seguridade e hixiene necesarias para evitar posibles brotes de COVID-19.
A posibilidade de poder levar a cabo esta reforma débese en boa medida ás contribucións altruístas de asociados e cidadáns, en xeral, que quixeron colaborar a través das súas doazóns coa campaña de recadación de fondos, promovida en liña pola entidade, “Abre as portas á inclusión”.
Esta é a primeira vez que ASCM aposta por unha campaña 100% virtual e as sensacións son positivas. A pesar de non ter sido capaz de acadar o obxectivo de 3599 euros, necesario para cubrir totalmente a instalación da porta, desde a entidade: “están satisfeitos con este primeiro contacto”. Os 3432 euros recadados servirán para cofinanciar a materialización dun acceso accesible á sede da entidade e abrirán, en palabras de ASCM, “novos horizontes de busca de recursos e potenciación do autofinanciamento”.