Augusto Pérez Alberti ofrece unha conferencia en Ferrol

O catedrático reflexionará o venres 2 de xuño sobre como o mar "se come a costa galega" nun escenario de cambio global

O catedrático da USC Augusto Pérez Alberti | USC

O catedrático Augusto Pérez Alberti impartirá unha conferencia o venres 2 de xuño ás 19:30 horas no salón de actos da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). A charla do Catedrático de Xeomorfoloxía e investigador, vencellado neste momento ao Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, levará por título “O mar cómese a costa galega nun escenario de cambio global”,

Nesta actividade, organizada pola delegación de Ferrol da SGHN e que conta co patrocinio da Deputación da Coruña, Pérez Alberti dará a coñecer os factores presentes na costa galega ao longo da historia xeomorfolóxica nos últimos milenios dende o último interglaciar, o Eemiense, hai arredor duns 120.000 anos ata o presente.

Esta é unha etapa de miles de anos na que se sucederon momentos máis quentes e fríos que o actual, e nos que os diferentes procesos xeomorfolóxicos deixaron a súa pegada, tanto en formas como en depósitos sedimentarios, asociados a un progresivo aumento do nivel do mar.

Coa necesidade de coñecer a dinámica litoral antes da posta en marcha de calquera actuación, na conferencia abordarase a evolución paleoclimática e xeomorfolóxica da costa, os seus balances de acumulación e erosión, a problemática dunha progresiva transformación da rede fluvial e a urbanización do litoral sen ter en conta a súa dinámica e os procesos de erosión dende a perspectiva dun futuro marcado polo cambio global.

Dende a delegación de Ferrol da SGHN anuncian que a asistencia á conferencia é libre ata completar o aforo.

Salir de la versión móvil