O porto exterior de caneliñas inaugurou onte a segunda liña regular de portacontedores que fai escala na Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e que unirá semanalmente o norte de Galicia co oeste de Inglaterra así como con Escocia e Irlanda. A cita contou coa presencia do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que estiveron acompañados polo presidente do ente portuario ferrolán, José Manuel Vilariño. Os representantes d Xunta enxalzaron a aposta constante do Porto de Ferrol pola «diversificación da actividade e a captación de novos tráficos de alto valor engadido, o que permite reducir riscos e superar mellor as dificultades económicas».
Esta segunda liña -que conecta o peirao galego cos de Liverpool, Bristol, Greenock e Dublín- súmase á inaugurada en 2018 e que facilita as relacións comerciais do porto de Ferrol, e por tanto de España, con outros países como Reino Unido, Alemaña, Países Baixos, Dinamarca, Finlandia, Polonia, Suecia, Noruega, Rusia e os países bálticos.
Francisco Conde e Rosa Quintana explicaron que esta vía marítima de transporte de mercadoría en contedores axudará á industria galega a importar e exportar produtos ao Reino Unido reducindo os seus custos, o que contribuirá a ampliar as relacións comerciais e a mellorar os resultados dos seus negocios.
A apertura desta nova liña comercial supón ademais dar un pulo ao porto ferrolán e, froito da relación porto-cidade, favorecerá o incremento da actividade das empresas da contorna, o que beneficiará á economía, ao emprego e aos propios cidadáns de Ferrol.
Evolución dos tráficos
Esta liña regular de tráfico de contedores co norte de Europa enmárcase na estratexia da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao de diversificar os seus tráficos reforzando liñas de negocio como o mercado de contedores, unha medida que permite contrarrestar o descenso doutras actividades como a menor descarga de graneis sólidos.
Esta estratexia, iniciada nos últimos anos, permitiu que a terminal de contedores do porto exterior de Ferrol movese en 2019 preto de 100.000 toneladas de mercadoría, o dobre que o ano anterior. Trátase dunha aposta de futuro do ente portuario ao entender que se trata dun sector emerxente a nivel mundial.