Comeza o reparto das axudas á escolarización no Concello de Ferrol

Hoxe mércores 9 de setembro as familias beneficiadas poderán achegarse ao Edificio Social a recoller estas subvencións para adquirir material escolar

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social dirixida por Eva Martínez Montero, vén de anunciar que hoxe mércores 9 de setembro comezará o reparto das axudas á escolarización, das que finalmente se beneficiarán 521 menores da cidade. Será de 9.00 a 14.00 horas no Edificio Social -rúa Sánchez Barcáiztegui, 35- e segundo as medidas de seguridade que establece o protocolo Covid.

Tanto a listaxe definitiva das axudas á escolarización como as de comedor, das que se beneficiarán 284 menores, xa están publicadas na web municipal, no Taboleiro de Anuncios (https://www.ferrol.gal/arquivos/documentos/taboleiro/ListadoDefinitivo_LC2020%20(7).pdf).

A contía da axuda á escolarización ascende a 95 euros por neno para a adquisición de material escolar, incluído o informático, ou roupa deportiva. Con elo, “buscamos dar resposta ás necesidades escolares do alumnado cuxas familias manifesten estar a ter dificultades económicas que lles impidan facer fronte aos gastos do inicio dun novo curso”, explicou a edil Martínez Montero. Pola súa banda, as axudas para comedor cobren a totalidade do custe das comidas dos escolares.

Salir de la versión móvil