O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla, reuníronse este venres para tratar diversos asuntos que atinxen ao Concello e á Universidade. Durante o encontro, no que estiveron acompañados por técnicos municipais e da institución académica, o edil reiterou o compromiso da Administración local ferrolá co Campus Industrial e o apoio ao seu desenvolvemento.
Reina ofreceuse, segundo explicou, a manter unha relación fluída que “quedou plasmada na creación dunha mesa de traballo para a coordinación entre o Concello e a Universidade, co fin de facilitar que o proxecto de crecemento do Campus Industrial se integre na cidade dun xeito óptimo”. Como exemplo dese crecemento e esa integración, citou o edil ferrolán as obras na antiga residencia de Batallóns, que a UDC está a converter nun edificio de usos universitarios, tras obter a cesión por parte do Ministerio
de Defensa.
Para o concelleiro, a vontade de colaboración mostrada por ambas institucións servirá para avanzar nas cuestións técnicas e xurídicas que habitualmente xorden á hora de abordar proxectos coma os que a Universidade ten en marcha ou vai botar a andar nun futuro máis ou menos próximo.