Daniel Amarelo: “Hai excesiva énfase nas identidades sexuais como únicas identidades”

O naronés vén de publicar un pioneiro libro sobre a situación LGTBIQ en Galicia recollendo o título dunha célebre obra de Vicente Risco 90 anos despois

Daniel Amarelo en el Cantón de Molíns.

O libro, Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza, fai un percorrido a varias voces pola historia deste colectivo na nosa comunidade autónoma. O seu editor, o lingüista, Daniel Amarelo (Narón, 1996), fala connosco da importancia do libro, como a primeira pedra para trasladar a situación do colectivo á academia e tamén á sociedade da rúa. Amarelo, que estuda actualmente un mestrado na Universidade de Colorado, fai unha radiografía do panorama LGTBIQ en Galicia, que dista moito da situación noutros territorios.

— A Lei Trans marcou gran parte da actualidade do colectivo este ano, que efectos tivo?

— Este ano foi distinto inevitablemente polo debate da Lei Trans. Por un lado ten a parte negativa que agora mesmo as posicións están moi polarizadas, pero tamén ten a parte relativamente positiva, penso, que serviu para axitar un pouco estes anos de excesiva calma.

— En que sentido houbo excesiva calma?

— Excesiva calma para unha época tan marcada como pode ser o orgullo, que é un momento de reivindicación. Perante esa calma constante, ás veces aborrecida, co tema do debate da Lei Trans penso que volvemos un pouco a ter que discutir, ler e debater. Non hai que romantizar sobre o odio que se xerou coa lei, pero si que creo que non se pode obviar que tivo un impacto nos debates e nas celebracións. Caeron moitas carautas.

— Como afectou concretamente a Galicia?

—Volveunos un pouco a intentar ligar todas estas cuestións co caso particular da Galiza. Estas determinacións, debates, ideas co contexto concreto no que estamos nós que é distinto do doutros lugares.

— En que se diferenza Galicia doutros lugares?

— Hai unha interseccionalidade marcante entre este tipo de reivindicacións (as LGTBIQ) e cuestións como as ecolóxicas ou da lingua galega. Toda a loita tamén se suma a outras cuestións: imos sumando activismo, identidades e reivindicacións.

Ademais, a cuestión do rural. Estamos moi habituados a falar de orgullo e pensar en Madrid ou en Londres, cidades grandes, pero a diversidade existe e de formas distintas, que igual non estamos acostumados a visibilizar, no rural.

— Que implica pertencer ao colectivo no rural ou nunha urbe?

— Estamos a discutir as diversidades sexuais coa diversidade de hábitats, porque non é o mesmo ser LGTBIQ nunha gran cidade que nunha aldea. É diferente. Todo aquilo que reivindicamos para o colectivo sempre estivo enfocado ao modelo urbanita: de saír no armario, de estar no centro das cidades con colectivos LGTBIQ grandes… Mais isto non está dispoñible no rural, pero están dispoñibles outro tipo de comunidades no rural, que tamén se poden xuntar neste tipo de reivindicacións.

— Cales son esas comunidades?

— Por exemplo, as identidades de ser veciño o veciña están ao mesmo nivel que outro tipo de identidades, como a sexual. Por iso, esa excesiva énfase nas identidades sexuais como únicas identidades obviando que existen outras tamén é un debate que este ano se está a tratar un pouco.

— Onde radica a importancia do libro para a situación galega?

— O libro ten un toque pioneiro porque é o primeiro libro Queer de Galiza. Era necesario un libro deste tipo. Contextualizar as cuestións LGTBIQ no contexto nacional, galego ou local. Sempre se deron estas conexións nas organizacións, nos activismos… mais ese tipo de intercambios quedaban nunha asemblea, nunhas xornadas, pero nunca quedaban para a posterioridade, por escrito.

— Que pensaría Vicente Risco se vise o título do seu libro “readaptado”?

— O título colle ese texto de Vicente Risco, que en realidade ten un fondo ata reaccionario, fala dese grupo de intelectuais inadaptados no seu tempo dun punto de vista ideolóxico ou até místico. Entón, o que pretendemos foi continuar cunha corrente moi en voga que é reapropiarnos de símbolos da cultura galega do pasado e falar das persoas Queer, que somos inadaptadas nunha sociedade normativa.

 

Daniel Amarelo nos Cantóns de Molíns.

— Recentemente, fixeches unha colaboración coa Deputación da Coruña con motivo do Orgullo. Están as institucións mellorando a súa actitude cara ó colectivo?

— Este año vexo cambios, máis compromiso institucional, non só coa diversidade como unha especie de slogan senón tamén coa parte material da diversidade. Que non é só o recoñecemento da diversidade, se non o apoio real con políticas concretas, dotacións e  proxectos concretos. Este ano está habendo un apoio institucional moi distinto do que hai anos, un maior compromiso e calidade á hora de abordar estes temas.

— Que demostra este avance das institucións?

— Probablemente, hai tempo sería impensable, o cal demostra tamén que o feminismo e que a revolta LGTBI está a conseguir axitar as consciencias e axitar de forma que non sexa posible obviar estas cuestións. Se ben, hai o caso contrario, sobre todo co tema da lei trans, dun certo retroceso en apoio a algunhas cousas ou mesmo de declaracións tránsfobas por parte de persoas que teñen cargos públicos. Malia o maior apoio, segue a haber roces e moitos problemas estruturais, como nos mostra o asasinato do xove Samuel Luiz na Coruña. Mais a pesar dese maior apoio, segue a haber roces.

Salir de la versión móvil