Denunciada unha muller que circulaba en bicicleta pola N-651 en bata e pixama

Outro home, residente en Mugardos, foi interceptado cando se dirixía a comprar tabaco a Ferrol Vello

As forzas e corpos de seguride do Estado traballan estes días para garantir o cumprimento do estado de alarma decretado polo Goberno para frear a curva de contagios por coronavirus. Aínda que en xeral as autoridades indican que os ferroláns están a respectar as normas de confinamento, sempre hai excepcións como as ocorridas estes pasado días.

O pasado domingo, 5 de abril, a Policía Local tramitou unha denuncia a unha veciña do barrio de Caranza despois de que sobre as 13.00 horas efectivos da Policía Naval detectaran que a muller circulaba en bicicleta pola N-651. Cando os axentes lle comunicaron que non podía transitar pola vía pública, ela, que vestía pixama e bata, tiroulles a bici ao chan e de forma alterada e gritando preguntoulles se terían
valor para levala detida.

Minutos despois montou na bicicleta de novo e sen identificarse marchou á súa vivenda. Os axentes navais controlaron o seu lugar de residencia e solicitaron a colaboración da Policía Local para identificala, que acudiu ao piso da muller. Tras insistir moito, ela abriu a porta mostrando unha actitude violenta cos axentes. A Policía Local tramitou a denuncia, instruída por infracción á Lei orgánica 4/2015, de 30 de marzo, sobre Protección da Seguridade Cidadá.

Onte, luns 6 de abril, a Policía Local propuxo para sanción a dous homes. Un deles foi parado por unha patrulla cando circulaba pola cidade no seu vehículo. Aseguroulles aos axentes que reside en Mugardos, aínda que consta como domiciliado nas Pontes. Cando lle preguntaron polo motivo do seu desprazamento, alegou que se dirixía a un estanco de Ferrol Vello para mercar tabaco. O outro denunciado levaba o seu coche cargado de material de construción. Díxolles aos policías locais que o pararon que estaba a realizar unha reforma na súa casa.

Dende que se decretara o estado de alarma xa foron máis de 200 veciños os sancionados pola Policía Local no término municipal de Ferrol.

Salir de la versión móvil