A CIG-Servizos de Ferrol demanda da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, que ten a concesión da limpeza dos centros de saúde, PACs e consultorios da área sanitaria de Ferrol, que dote de todas as medida de protección necesarias as traballadoras para garantir a súa seguridade ante a pandemia do coronavirus.
Denuncian que dende o comezo da crise sanitaria, a empresa incorreu en repetidos incumprimentos como non dotar dos EPIS adecuados as traballadoras nas situacións de limpeza en estancias con positivos confirmados e posíbeis. De feito, insisten dende o sindicato que a empresa nin sequera ten estes EPIs a disposición das empregadas no centro de traballo, “facendo viaxar o encargado do servizo alá onde xurda unha eventualidade deste tipo para dotar as traballadoras, extremo que dada a frecuencia deste tipo de limpezas moitas veces non se fai”.
Polo que, na práctica en moitas ocasións estanse realizando eses traballos “dun xeito inadecuado, poñendo así en grave risco a saúde do persoal e contribuíndo a espallar o virus nas familias das traballadoras”.
Colectivos de risco
A este respecto, a CIG destaca que unha parte do persoal é colectivo de risco a efectos da COVID-19, pero a empresa non as apartou do servizo como lle obriga a Lei, “polo que seguen en cumprimento ordinario de xornada cando deberían estar nas súas casas en situación de Incapacidade Temporal”.
Estas situacións foron denunciadas ante as administracións competentes (Inspección de Traballo e Seguridade Social, Delegación do Goberno en Galiza e Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social) por dúas veces, unha con data 25 de marzo e outra con data 2 de abril, “sen obter ánimo rectificador algún por parte da empresa, continuando esta a expoñer gratuitamente as traballadoras”.