A CIG-Administración Pública denuncia a apertura de cinco expedientes disciplinarios a traballadoras da residencia de maiores de Ferrol, a única de xestión directa da Xunta na cidade, nun momento no que o persoal leva anos alertando de sobrecarga, desorganización e tensión laboral. Segundo a secretaria comarcal do sindicato, Carmem Viso, as sancións chegan despois de que as traballadoras manifestasen o seu malestar en reunións internas e tamén de forma pública.
«Desde a pandemia, o persoal das residencias de Política Social sofre unha sobrecarga física e mental que leva tempo denunciando ante a consellería. En lugar de tomar consciencia diso e reforzar os servizos, non fixeron nada», explica Viso. A situación agrávase, di, porque boa parte das traballadoras teñen adaptacións de posto por motivos de saúde e a Xunta non reforza eses servizos. «O traballo recae sobre o resto do persoal», afirma.
A chegada dunha nova directora ao centro desencadeou máis conflitos internos e malestar no persoal. «Entrou dunha forma abrupta e a partir de aí foron creando problemas de relación», sinala Viso, que lembra que a situación levou a solicitar unha avaliación de riscos psicosociais a través das delegadas de prevención. Participaron 97 das 128 traballadoras e os resultados foron contundentes: niveis de risco “altos e moi altos” en practicamente todas as áreas.
«Non teñen nin pés nin cabeza»
«Estabamos nun proceso de tentar solucionar isto a través de medidas correctoras, e atopámonos con que se abren cinco expedientes disciplinarios no mesmo día. Non teñen nin pés nin cabeza», denuncia a secretaria comarcal. «O que non podes facer é atizar o lume e crear máis malas sensacións», engade.
A CIG considera que estas medidas teñen como obxectivo “crear un mal clima” e advirte de que van dirixidas a traballadoras que levan 20 ou 30 anos no centro, sen antecedentes de sancións. «A consellería non lle pode pedir ao persoal que participe nas medidas correctoras e logo utilizar os expedientes como medida para calarlles a boca e telas sometidas», afirma.
Estas sancións non son un feito illado. Segundo Viso, no verán pasado abríronse outros catro expedientes a traballadoras que tamén expresaran desacordo coa nova organización do centro. «Hai moita xente que xa está de baixa ou pediu traslado porque esta situación é insostíbel», conclúe.