Dúas novas sancións a veciños de Ferrol por deixar residuos na rúa

A Policía Local abriu unha investigación pola presenza de mobiliario abandoado e restos de escombros de obra

A Policía Local de Ferrol formulou esta semana dúas sancións contra veciños por incuprir a ordenanza de recollida de residuos sólidos urbanos. Sendas infraccións detectáronse na rúa Lugo, onde en días pasados apareceron, por unha parte, escombros de obra no interior dos colectores do lixo e varios mobles deteriorados abandoados directamente na beirarrúa.

E por outra banda, foron depositadas bolsas cheas de alfombras a pé de rúa, pegadas aos contedores. Os axentes encargados de investigar os feitos descubriron que os infractores son dúas persoas distintas. En ambos casos enfróntanse a sancións de carácter grave, tal e como recolle a normativa en vigor, que así cualifica tanto o depósito tanto de RCD (residuos procedentes de construcións e demolicións) en colectores non habilitados para tal fin coma o abandono de mobiliario ou calquera outro tipo de aveños na vía pública. O importe das multas ás que se enfrontan vai dos 751 aos 1.500 euros.

Durante o estado de alarma motivado pola epidemia de coronavirus, o Concello viuse na obriga de intensificar a vixilancia sobre este tipo de feitos, debido tanto ao risco que supoñen para os traballadores do servizo de recollida de limpeza como á necesidade de extremar a hixiene da vía pública no medio dunha situación de emerxencia sanitaria.

Nese senso, o goberno local insiste en solicitar da cidadanía a súa colaboración en canto ao respecto ás normas para depositar o lixo e aos horarios establecidos. Ao mesmo tempo, quere facer constar que son unha inmensa maioría as persoas que así o fan, aínda que os incumprimentos, por minoritarios que sexan, causan importantes problemas tanto aos empregados da concesionaria coma ao conxunto dos veciños.

Salir de la versión móvil