Equiocio organiza unha limpeza colectiva da praia do Vilar

Será o sábado 21 ás 11.00 da mañá e poderán participar libremente aquelas persoas interesadas en preservar o medio natural

O calendario de accións de Equiocio continúa este mes de marzo, centrado no medio ambiente. Así, a directora do certame, Ana Pérez Lago, avanzou que a próxima iniciativa será unha campaña de limpeza de praias aberta á cidadanía. Desenvolverase no areal de O Vilar, un dos máis castigados polos efectos do temporais inverno tras inverno, chegando a recibir gran cantidade de residuos. Esa foi unha das principais motivacións para elixilo como escenario da acción, que terá lugar o sábado 21 de marzo, a partir das 11.00 horas.

Na iniciativa colaborarán activamente as entidades que integran Equiocio Social, protagonistas en febreiro da plantación do xardín botánico realizada no campo de As Cabazas-Covas. Ademais, administracións como o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia tamén apoian a acción, así como
firmas como Estrela Galicia, Gadis e Coca Cola. Ana Pérez Lago explica que Equiocio non quere limitar a iniciativa a unha simple recollida de residuos, senón que busca como primeiro obxectivo a concienciación
sobre a necesidade de preservar o medio mariño e, con ese obxectivo, a limpeza virá precedida dunha breve charla de Xan Rodríguez Silvar, delegado da Sociedade Galega de Historia Natural en Ferrol, que abordará a riqueza medio ambiental da contorna e os efectos das nosas accións sobre o espazo.

As persoas interesadas en tomar parte poden inscribirse previamente enviando a súa solicitude ao correo equiociocomunicacion@gmail.com. Deberán achegar nome e apelidos, DNI, idade e correo/teléfono de contacto. Poden participar persoas menores e maiores de idade, aínda que os pequenos terán que ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais, o mesmo sábado 21 de marzo, entre as 10.30 e as 11.00 horas tamén se habilitará un espazo para anotarse.

Salir de la versión móvil