FeC y BNG presentan sendas mocións contra a suba da peaxe da AP-9 a partir de 2023

Ambas formacións apostan pola transferencia da autoestrada á administración pública

Concentración contra as tarifas da AP-9 | BNG

Ferrol en Común e BNG levarán ao pleno ordinario deste mes de novembro sendas mocións tras coñecerse a intención por parte da empresa AUDASA de incrementar en máis dun 9% as tarifas das peaxes da AP-9 a partir do 1 de xaneiro de 2023. Este incremento sumaríase aos xa realizados nos exercicios anteriores, que posicionaron á autoestrada galega coma unha das máis caras da Unión Europea, o que ten un impacto directo sobre as economías das familias galegas, pois a AP-9 é a vía principal de comunicación da comunidade, conectando a 5 das súas 7 principais cidades, isto é, ao redor do 70% da súa poboación.

O partido de Jorge Suárez recorda que o traxecto da AP-9 máis utilizado pola cidadanía ferrolá, polas relacións laborais, educativas, sanitarias, administrativas e de ocio que compartimos, é o tramo Ferrol-A Coruña, “un tramo que conta cun servizo de autocares nefasto que acumula denuncias día tras día pois non é adecuado nin suficiente e cun tren do século pasado que non é cubre as necesidades de transporte entre as dúas cidade”. Coa nova subida, din desde Ferrol en Común “é un luxo viaxar dunha cidade a outra, pasando a custar 5,50 euros por traxecto, algo totalmente inasumible para a veciñanza que ten que desprazarse con regularidade e un prezo intolerable para os 50km que nos separan”.

FeC levará a Pleno unha moción coa que instar ao Ministerio de Transporte a que tome medidas fronte a subida do 9,38% que ten previsto realizar AUDASA e traballe de cara a traspasar a xestión das autoestradas aos galegos e galegas converténdoas en 100% públicas e gratuítas. O mesmo fixo o Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, que presentou unha moción similar que defenderá no vindeiro pleno municipal para que a corporación de Ferrol exprese o seu rexeitamento a suba das peaxes na AP-9 e a prol da mellora e do fomento do transporte público. Iván Rivas afirmou que “desde o BNG continuaremos a reivindicar a eliminación das peaxes e a transferencia da AP-9 á administración de cara a poder desenvolver unha xestión pública desta infraestrutura básica para o desenvolvemento económico e social desta cidade e desta comarca”.

Salir de la versión móvil