O Concello de Ferrol acaba de poñer en marcha a campaña «Achegando Sorrisos», coa que quere facilitar a comunicación de persoas maiores cos seus familiares mediante videochamadas. Para conseguilo, o Centro de Recursos Informáticos preparou tres dispositivos con conexión de datos móbil que serán empregados por voluntarios de Protección Civil.
Os interesados en participar deben solicitalo a través dos números de teléfono 981 320 000 e 698 126 700 de luns a venres en horario de 10.00 a 17.00 ou os sábados entre as 10.00 e as 14.00. Tamén teñen que dar o consentimento os dous usuarios que formen parte da conversa e comprometerse a cumprir cos horarios establecidos e o tempo de comunicación. Un grupo de voluntarios, dotados dunha tableta, equipos de protección individual e material de limpeza dos medios que se utilizan, desprazarase ao domicilio de quen desexe contactar coa súa familia.