A Xunta de Voceiros do Concello de Ferrol, presidida polo alcalde, Ángel Mato, reuniuse hoxe de forma telemática coa participación dos portavoces dos grupos municipais do PSdeG-PSOE, Julián Reina; do Partido Popular, José Manuel Rey; de Ferrol en Común, Jorge Suárez, e do Bloque Nacionalista Galego, Iván Rivas, á que se uniu tamén con carácter extraordinario a concelleira delegada de Economía e Facenda, María Teresa Deus.
A reunión serviu para avanzar nun proxecto de axudas aos sectores económicos da cidade máis afectados pola suspensión das actividades non imprescindibles, ao que se destinarían —inicialmente e contemplando a posibilidade de amplialas— dous millóns de euros procedentes dos remanentes de tesourería do Concello, ademais de para pormenorizar e analizar as medidas contempladas no novo calendario fiscal.
Tamén serviu para avanzar nun primeiro paquete de medidas sociais proposto por todos os grupos que contará cun investimento inicial de 700.000 euros. O alcalde deu conta de todas as iniciativas que o goberno local puxo en marcha durante as últimas semanas e acordou cos grupos municipais o reforzo urxente da área de Benestar do Concello mediante a incorporación de tres traballadores sociais e tres auxiliares administrativos durante o período máximo que permita a lei en circunstancias como as actuais, co obxectivo reforzar a atención ás persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade, axilizar as axudas que se veñen concedendo nas últimas semanas e avanzar na tramitación dos asuntos pendentes pola suspensión dos prazos.
Por último, tamén resolveron seguir mantendo encontros periódicos co fin de posibilitar o consenso de toda a corporación municipal de cara a que un pleno extraordinario poida aprobar por unanimidade as medidas acordadas no marco da Xunta de Voceiros.