Ferrol destrúe máis de 2.000 postos de traballo no primeiro trimestre do ano

A EPA publicada hoxe sitúa de novo a Ferrol coa maior taxa de paro das sete cidades galegas

A nova Enquisa de Poboación Activa (EPA) que acaba de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondente ao primeiro trimestre do presente ano reflicte un panorama desolador na cidade de Ferrol. O dato máis preocupante é o da taxa de paro –a que mide o nivel de desocupación en relación á poboación activa–, que se sitúa nun 18,3%, cinco puntos máis que no último trimestre do pasado ano. Ferrol volve situarse como a cidade coa maior taxa de paro das sete cidades galegas, moi por encima de Vigo e Pontevedra que teñen un 14,6%.

En concreto, os datos publicados polo IGE sitúan en 4.900 o número de parados no primeiro trimestre do ano, un dos peores datos desde 2018. Ao mesmo tempo, a taxa de ocupación descende en tres puntos ata o 39,7%. Isto significa que dos 55.700 ferroláns en idade de traballar (maiores de 16 anos), fano 22.100, case 2.000 menos que fai tres meses. O dato segue representando a menor porcentaxe de ocupación das grandes cidades galegas.

Outra das lecturas negativas da última EPA é o descenso da poboación activa, que pasa das 29.900 persoas no primeiro trimestre do pasado ano a 27.000 no mesmo período de 2020. Segundo isto, só 48 de cada 100 ferroláns en idade de traballar, teñen un emprego ou o buscan, o que deixa a 28.700 persoas inactivas, entre as que se atopan xubilados, estudantes maiores de 16 anos, pensionistas ou xente que non busca emprego activamente.

Publicidad

Por sectores, é o sector servizos -a hostalería e o comercio- o que máis notou esta recesión, xa que destruíu 2.400 empregos no primeiro trimestre do ano. Na industria perdeuse uns 200 postos de traballo, mentres que o sector primario e a construción apenas notaron o efecto colateral da crise sanitaria.

Publicidad
Salir de la versión móvil