O gabinete de crise do Concello de Ferrol creado con motivo da expansión do coronavirus anunciu onte novas medidas para loitar contra a expansión da epidemia e fortalecer os servizos públicos.
Por unha banda, o goberno municipal avanzou que ao longo da próxima semana, a cidade contará con seis novos policías locais procedentes doutros municipios que se incorporarán con carácter inmediato aos seus postos de traballo. Outros 10, que tomaron posesión o día 5 de marzo e que non poden continuar coa súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública #ante a suspensión da actividade docente con motivo da crise do coronavirus, incorporáronse xa ao persoal da Policía Local de Ferrol para realizar prácticas en quenda de día, sempre acompañados por axentes do corpo.
Outro dos asuntos tratados polo gabinete de crise foi a coordinación entre a área de Benestar Social do Concello, o corpo de Bombeiros e a agrupación de Protección Civil para atender calquera necesidade que teñan os veciños de Ferrol. Para iso, o Concello ten ao dispor do veciños tres números de teléfono. O contacto para diferentes trámites é o que corresponde ao servizo de Atención Cidadá, o 981 944 000, e para calquera necesidade durante o estado de alerta motivado pola crise do coronavirus os veciños que necesiten algún tipo de axuda poden chamar aos números 981 944 230 e 981 944 234.
Finalmente, o Concello informou das instalacións municipais que se poderían habilitar como espazos de atención sanitaria no caso de que sexa necesario. Trátase dos polideportivos da Malata, Esteiro, Ensanche e Caranza, a Casa do Deporte e os pavillóns 5, 1-2 e 3 de FIMO. O número potencial de camas que se poderían instalar, segundo os requisitos de espazo, serían un total de 749.