Os concellos implícanse nas facilidades para o estudo do seus alumnos

Ferrol, Pontedeume, Mugardos ou Cariño veñen de anunciar que facilitarán o material de estudo a aqueles alumnos que non dispoñan de internet ou de impresoras nas casas

O Concello de Ferrol continua poñendo en marcha medidas para apoiar a aqueles veciños que como consecuencia da crise sanitaria polo Covid-19 atópanse nunha situación de maior vulnerabilidade. Neste caso o alcalde, Ángel Mato, anunciou que a concellería de Educación xestionará a entrega de material didáctico a aquelas familias que o necesiten e que non poidan adquirilo polos seus propios medios.

O rexedor explicou que os pais que non dispoñan das ferramentas oportunas para que os seus fillos desenvolvan as súas tarefas escolares en boas condicións poderán comunicalo á dirección do seu centro educativo, que llo trasladará ao departamento municipal de Educación.

O Concello fará chegar ás familias o material que requiren coa colaboración da agrupación de Protección Civil. O obxectivo, dixo, é “apoiar e facilitar” aos pais con menos medios “que os seus fillos poidan continuar a súa formación nesta situación excepcional”.

Unha medida similar adoptou xa o Concello de Pontedeume, que en coordinación con tódolos centros educativos do municipio e coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, fará chegar ás rapazas e rapaces que non dispoñan de internet ou impresora na casa as tarefas escolares que os centros están a enviar por correo electrónico semanalmente.

Neste caso, os interesados poderán contactar no teléfono 981433054, en horario de 09.00 a 14.00 horas  para solicitar o servizo.

Pola súa banda, Concello de Cariño iniciou un dispositivo de impresión e entrega a domicilio de deberes, fichas, ou calquera documento que necesiten os estudantes do municipio para levar a cabo do mellor modo as tarefas que lles asignan desde os seus respectivos centros educativos.  Para iso, as persoas interesadas deberán remitir un correo electrónico (dispoñible en calquera smartphone) a osteusdeberes@concellodecarino.gal.

No correo débense incluír os seguintes datos: nome e apelidos do solicitante, dirección de residencia (aquela en a que queren que se lles entregue as tarefas), teléfono de contacto e, por suposto, o arquivo adxunto cos deberes que quere que se impriman.

O mesmo sistema púxo en marcha en Mugardos en colaboración cos centros de ensino para que os estudantes que carezan nas súas casas de medios para imprimir os apuntes ou traballos escolares podan acceder a eles.

No caso de familias que necesiten imprimir material enviado polo seu centro educativo para traballar en casa, deberán solicitalo chamando ao propio centro educativo, onde deberán informar dos apuntes que necesitan fotocopiar, o nome do alumno, a dirección de entrega da documentación e un teléfono de contacto. Unha vez recibido o aviso por parte do centro, o material escolar imprimirase no Concello e entregarase ao interesado na dirección indicada, nun prazo entre 24 e 48 horas.

 

Salir de la versión móvil