Ferrol en Común ven de manter varias xuntanzas con diferentes axentes do sector da educación coma o Sindicato de Estudantes, profesorado do IES de Canido e o IES Leixa, a Federación de Anpas de Ferrolterra, a Anpa do IES Sofía Casanova e a Anpa do IES de Canido. «Todos eles transmítennos o mesma mensaxe de preocupación pola situación na que se atopa o sistema educativo», din desde o partido.
Despois dun inicio de curso marcado pola inestabilidade das decisións da Xunta de Galicia en canto ao protocolo Covid-19 na ensinanza e de aplicar a lei do “sálvese quen poida” en todos os centros escolares e institutos galegos, «constatamos que o persoal educativo segue estando só ante a Covid-19», explica a formación política ferrolá.
Desde Ferrol en Común lamentan que a Xunta continúe mantendo ratios elevadas nas aulas, distancias de seguridade mínimas e «mamparas de dubidosa eficacia, o que provoca un gran malestar e preocupación en todo o sector educativo sobre o que recae todo o esforzo e responsabilidade». Segundo o transmitido a FeC nas xuntanzas mantidas, «a comunidade educativa atópase nun estado de preocupación e inquietude permanente provocando pola inacción da Xunta o que xera un ambiente que non é o adecuado para desenvolver a labor docente coma é debido».
«Temos que lembrar que outras administracións públicas seguen pechadas a cal e canto mentres os mestres e profesores acoden cada día aos seus postos de traballo expoñéndose ao virus para logo voltar aos seus fogares coas súas familias e o temor de levar a Covid a casa», explican os comúns.
Dende Ferrol en Común demandan á Xunta «moitos máis esforzos económicos, contratación de máis profesorado, ampliación de espazos, disminución das ratios e unha atención adecuada aos colectivos que a precisan polas súas condicións particulares».