Ferrol entrega máis de 3.000 máscaras entre os seus hostaleiros

O Concello fíxolles chegar á Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca un lote de máscaras para evitar a expansión da Covid-19 no sector hostaleiro

O Concello de Ferrol iniciou a finais do mes de maio o reparto de equipos de protección individual -EPI- entre os colectivos de comerciantes, hostaleiros e taxistas da cidade. A través das asociacións que aglutinan aos negocios deste sector, o goberno local está a facer chegar as máscaras protectoras aos propietarios dos establecementos co fin de contribuír á loita contra a expansión da Covid-19 entre a poboación.

A concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica, Turismo, Estatística e Edusi, María Teresa Deus, entregou o pasado xoves 3 de setembro á xerente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, María Luisa Barro, máis de 3.000 máscaras protectoras, que serán distribuídas entre os hostaleiros e comerciantes.

O reparto proseguirá ata chegar ao resto de asociacións de Ferrol, que recibirán o material en función do número dos seus empregados. Nos próximos días o Concello entregará EPI a Hoscompro Canido, que aglutina a comerciantes e hostaleiros do barrio.

Salir de la versión móvil