O Concello de Ferrol celebrará o Día Internacional da Muller Rural, que terá lugar o próximo 15 de outubro. O programa, baixo o lema ‘Muller rural, muller sen igual’, inclúe a celebración da obra de teatro «Elas», un espectáculo de balde de narración oral a cargo de Vero Rilo e da acordeonista Sonsoles Penadique que conta a historia de tres mulleres en clave de drama e humor.
Terá lugar ás 17.00 horas no local social Val de Esmelle e o obxectivo do goberno local é que cada ano se desenvolva nun local diferente do rural. A intención do Concello é “dar visibilidade á figura da muller rural e darlle o recoñecemento que merece”, explicou a concelleira de Muller, Cristina Prados. Para obter información sobre as entradas é necesario contactar coa Casa da Muller a través do correo electrónico [email protected].
A concelleira tamén deu conta da primeira edición do Concurso de Curtametraxes contra a violencia de xénero ‘Curta coa violencia’, que terá lugar nas próximas semanas. Poderán participar mozos de entre 14 e 30 anos que mostren a súa visión do problema a través do móbil, tableta ou cámara de vídeo.