Ferrol prepárase para a Semana Europea da Mobilidade con varias iniciativas de sensibilización

O concello insistiu na súa firme vontade do goberno local de “reordenar o tráfico rodado no centro da cidade e intentar dar prioridade aos peóns"
119162658_3303631979732934_2463978802801377245_o

O Concello de Ferrol súmase á campaña do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para celebrar desde hoxe e ata o día 22 a Semana Europea da Mobilidade tras asinar a Carta de Adhesión 2020, na que a cidade mostra o seu compromiso coa sensibilización sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente. Tamén sobre os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles, como o transporte público, a bicicleta e os viaxes a pé.

Unhas das iniciativas que o goberno local levará a cabo será que o transporte urbano na cidade será gratuíto o próximo martes, 22 de setembro, cando se celebra o Día mundial sen coches. Con esta medida o Concello quere mostrar a súa vontade de “fomentar o uso do transporte público como alternativa ao vehículo privado e incidir nas consecuencias negativas do uso irracional do coche na cidade”. Tamén o día 22 deste mes pecharase o tráfico rodado pola Magdalena, «un barrio moi agradable de percorrer de camiño aos nosos destinos” e que “entre todos debemos coidar e poñer en valor”, dixo o edil de Urbanismo Julián Reina.

Actividades desde esta mesma tarde

Con motivo da Semana Europea da Mobilidade que hoxe comeza, o Concello de Ferrol inicia esta tarde un programa de actividades que terán lugar na Aula de Ecoloxía Urbana, no Cantón de Molíns. Elaboraranse planos Metro-minuto personalizados, nos que figurarán aqueles lugares dende os que se desprazan de xeito habitual os participantes e os lugares aos que se dirixen, como as súas casas, centros de ensino o lugares de traballo. O concelleiro explicou que no plano aparecerán ditos lugares, a distancia entre eles e o tempo de desprazamento a pé.

O obxectivo da actividade é concienciar á poboación sobre os beneficios dos desprazamentos a pé ao tempo que se lles mostra que a maior parte dos percorridos diarios son curtos e é factible realizalos camiñando. Os interesados en participar poden anotarse chamando á Aula de Ecoloxía Urbana (981 944 222) de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas. As actividades levaranse a cabo hoxe, de 16.30 a 18.00 horas e os días 17, 18, 19, 20, 21 e 22 de setembro de 11.00 a 12.30 horas e de 16.30 a 18.00 horas.

Tamén desde a Aula de Ecoloxía Urbana crearase un vídeo divulgativo sobre a mobilidade urbana sostible e as súas vantaxes que se compartirá a través das redes sociais e da páxina web do Concello a partir do próximo sábado.

Unha firme “vontade” de reordenar o tráfico

O concelleiro responsable de Mobilidade aproveitou o inicio da Semana Europea da Mobilidade para facer un repaso da liña de traballo que neste senso está a seguir o Concello de Ferrol nos últimos meses. Reina insistiu na “firme” vontade do goberno local de “reordenar o tráfico rodado no centro da cidade e intentar dar prioridade aos peóns respectando o medio ambiente” manifestouse, por exemplo, nas medidas adoptadas polas concellerías de Seguridade e de Mobilidade unha vez se abriu a praza de Armas, como a prohibición do paso de vehículos particulares na contorna deste espazo.

Deste modo, o tramo da rúa Terra, que discorre desde Sol ata a rúa Magdalena só pode ser utilizado por vehículos municipais, taxis e para carga e descarga no horario establecido. O mesmo ocorre, lembrou Reina, coa rúa Rubalcava, entre Magdalena e Sol, cuxo tramo tamén quedou invalidado para vehículos particulares. Estas restricións, puntualizou o edil, xa estiveron vixentes durante a execución dos traballos na praza de Armas e pasaron a ser permanentes unha vez finalizadas as obras.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.