Ferrol recibe a un grupo de 14 peregrinos que incian o seu camiño a Santiago

O grupo de turistas británicos, que están a promocionar o camiño Inglés, foron recibidos polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato.

Un grupo de 14 persoas procedentes do Reino Unido comezaron esta mañá en Ferrol o seu percorrido ata Compostela. Ás nove e media foron recibidos na oficina de turismo de Curuxeiras polo alcalde, Ángel Mato; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o deputado provincial Antonio Leira; a concelleira de Turismo de Ferrol, María Teresa Deus; a concelleira de Patrimonio Histórico de Ferrol, Eva Martínez Montero, e o concelleiro de Turismo de Betanzos e secretario da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Pablo Beade.

Estes peregrinos, que están a promover o Camiño Inglés, forman parte do primeiro grupo procedente de Inglaterra que percorrerá este itinerario xacobeo en 500 anos, tras realizar o primeiro tramo entre Finchale e Durham, sinalizado pola Deputación o pasado ano. Os grupo, que hoxe completará a etapa Ferrol-Fene, está previsto que chegue á praza do Obradoiro o vindeiro sábado.

O alcalde dirixiulles unhas palabras para agradecerlles a súa presenza na cidade e desexarlles que gozasen da viaxe ata Santiago. Por parte do Concello, entregóuselles unha bolsa con folletos informativos sobre a cidade e o Camiño e acto seguido todos xuntos acercáronse ao fito que sinala o inicio da ruta xacobea para tomar unha fotografía de familia. Está previsto que durante o percorrido os peregrinos sexan recibidos tamén nos outros concellos polos que pasarán.

Salir de la versión móvil