As concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, explicaron esta mañá tras presidir Ferrol unha reunión de traballo telemática cos socios do proxecto MMIAH —programa para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo, militar e industrial da zona costeira do Atlántico— os avances do programa europeo.
O Concello de Ferrol lidera o proxecto, que integran outros oito socios —os concellos de Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), e os de Limerick e Cork (Irlanda)— e que conta cun orzamento total de 3.288.099,40 euros, dos que Ferrol recibe 416.073,75 euros, para desenvolver accións orientadas á recuperación e promoción do patrimonio dos municipios participantes. Durante a reunión técnica, explicaron as concelleiras, cada cidade expuxo a evolución dos seus proxectos e puxéronse en común aspectos de interese para todos os membros.
O MMIAH ten dúas liñas de actuación, unha no ámbito da recuperación e posta en valor do patrimonio histórico de cada unha das cidades participantes e outra orientada a crear un produto turístico conxunto, aumentar o número de visitantes e tamén o atractivo turístico das cidades do borde costeiro da área atlántica, polo que unha das accións en marcha é a gravación dun vídeo promocional das nove cidades e a creación dunha marca. De feito, o proxecto MMIAH estivo presente o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo 2020 (Fitur), o que permitiu xerar contactos e sinerxías para dar a coñecer o proxecto.
Os proxectos de Ferrol
En Ferrol o concello aprobou o pasado mes de xullo o proxecto básico e de execución da rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do castelo de San Felipe para usos expositivos. O goberno local tamén manifestou a súa intención de restaurar un total de dez estructuras despregadas desde o Castelo de San Felipe ata o Cabo Prior: por un lado entran no plan 8 baterías (as de Doniños, Prioriño grande e chico, Viñas, Cariño, San Cristovo, San Carlos e unha última do Castelo de San Felipe) e 2 vixías (as de Prior e Monteventoso).
O orzamento dispoñible co proxecto MMIAH alcanza un total de 190.000 euros, dos cales 130.000 invertiranse na recomposición da batería baixa do Castelo de San Felipe e outros 60.000 nunha recreación virtual en 3D, centrada na historia deste armazón militar. A maiores se reconstruirá outra batería na planta alta do mencionado castelo utilizando o 1,5% do presuposto que impón a Lei de Patrimonio Histórico.