O concelleiro de Urbanismo de Ferrol, Julián Reina, avanzou durante a reunión da comisión de seguimento das obras da Malata, na que participou esta mañá, que vai solicitar unha entrevista coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para pór en común a situación do saneamento do río da Sardiña.
Para o edil, trátase dunha actuación “prioritaria”. Segundo lembrou, a propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, manifestou recentemente que o obxectivo da Xunta é completar o saneamento da Malata, algo para o que, explicou Reina, é indispensable acometer o proxecto referido a este río que desemboca na zona.
Na xuntanza da comisión –da que forman parte o propio concelleiro, un técnico municipal e dous membros de Augas de Galicia– xa se tratou sobre este proxecto que o Concello defende como incluído no convenio coa Administración autonómica. Reina lembrou tras o encontro, realizado de xeito telemático, que executalo é unha “obriga” para todas as partes implicadas e defendeu a necesidade de encamiñar canto antes, e de xeito definitivo, os trámites para convertelo en realidade.