O Concello de Ferrol, a través da Sociedade Mixta de Turismo, continúa traballando en iniciativas para a mellora do turismo local e manter o emprego, máis aínda nun momento no que o sector turístico atravesa unha grave situación como consecuencia da crise sanitaria da covid-19.
A última, un novo motor de reservas en www.visitferrol.com, que aglutina a oferta cultural, deportiva e de lecer na cidade, activouse recentemente e permite a compra ‘on-line’ de experiencias de turismo activo para a tempada de outono-inverno. Trátase dunha iniciativa posta en marcha co apoio da Deputación, dentro dunha liña de subvencións coas que o organismo provincial contribúe á mellora da calidade e da competitividade turística.
Dentro do abanico de actividades ás que se pode acceder a través desta plataforma atópase o programa Domingos Diferentes, que comezará mañá domingo, ás 11.00 horas, coas visitas guiadas ‘Ferrol Secreto’, ‘Ferrol en Feminino’ e ‘Ferrol Modernista’.
A primeira opción ofrece a posibilidade de coñecer a pé a cidade a través dos seus personaxes, comercio local, arquitectura e tamén curiosidades. A ruta ‘Ferrol en Feminino’ percorre a cidade a través doutra perspectiva, a feminina, ligada ás historias particulares de mulleres, unhas famosas e outras anónimas. Por último, ‘Ferrol Modernista’ propón un paseo pola cidade mirando cara arriba, gozando dos edificios modernistas do barrio da Magdalena da man do arquitecto Rodolfo Ucha.
A nova canle de comercialización de venda ‘on-line’ de actividades turísticas, culturais e deportivas en Ferrol inclúe tamén visitas ao Castelo de San Felipe, e todas elas se desenvolverán respectando as medidas de seguridade e protección indicadas polo protocolo covid. En función da demanda e dos días festivos, aumentaranse os servizos.
Rutas en bicicleta, surf e paseos en veleiros
A través de www.visitferrol.com tamén se ofertan, no seu apartado Ferrol Activo, outras actividades saudables ao aire libre, como rutas en bicicleta polos carreiros do municipio, clases de surf ou paseos en veleiros con patrón pola ría de Ferrol. Todas estas actividades xa se poden reservar ‘on-line’, e proximamente engadiranse novas ofertas.