Francisco Leira: “No relato franquista os soldados eran unha pedra angular, os héroes da nación que gañaron a guerra”

O historiador ferrolán vén de publicar un libro no que relata a súa investigación sobre a verdadeira composición do exército sublevado na Guerra Civil, no que se atopaban mozos de tódolas ideoloxías, status e oficios.

Francisco J. Leira Castiñeira (Ferrol, 1987) é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e autor do libro “Soldados de Franco: Reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar”, que saíu á venda a finais do pasado mes de xuño. Unha labor de investigación que está a arroxar luz sobre un tema ata o de agora non estudado: quenes compoñían o exército franquista e a súa implicación no conflicto.

Leiro gañou o Premio Miguel Artola para teses doutorais en Historia Contemporánea da AHC e Centro de Estudos Políticos e Constitucionais do Goberno de España, converténdose no primeiro galego en facelo. Entre outros recoñecementos, o autor ferrolán recibiu o Premio en Ciencias Sociais Juana de Vega, así como unha mención honorífica no concurso de ensaio histórico George Watt da ALBA-VALB de Nova York (tamén o primeiro galego en facelo), en 2012, ambos pola investigación que deu lugar a este libro recén publicado.

 

Como xurdiu a idea de investigar sobre a composición do bando sublevado durante a Guerra Civil?
Todo comezou cunha conversación co meu director de tese no que comprobamos que se sabía moito da represión, dos altos militares, de accións de guerra, pero descoñecíase completamente quenes era os soldados que compoñían o exército sublevado.

A nivel social, por un lado existía unha memoria colectiva de “ao meu avó ou o meu pai tocoulle”. E doutra banda, moitos catalogaban aos combatentes de africanistas, mouros, falanxistas, carlistas e monárquicos. No fondo as dúas visións estaban no certo, pero ambas están equivocadas. Por iso, era necesario realizar unha Historia, con maiúscula, unha investigación que puidese dar unha resposta desde o punto de vista da metodoloxía das ciencias humanas para coñecer máis mellor pasado recente.

Para recompilar moitos dos datos e sucesos, tiveches que facer entrevistas cos protagonistas da guerra. Como foi ese proceso?
O primeiro, teño que destacar a boa acollida xeral dos excombatentes a falar da súa experiencia. Resultábame evidente que moitas pequenas historias, anécdotas, momentos gardábanos para eles e non querían que saísen á luz. En ocasións, cando saían notaba a tristeza, intuíase unha bágoa. En moitos destes momentos dubidei de se o que estaba a facer era o correcto, de se debía de seguir coa investigación porque me rompía a alma ver como esa persoas sentían ás veces. Pero despois da conversación que mantíñamos atopábanse ben e aliviados.

Fixen entrevistas en varias residencias de maiores. Neste caso, para o libro consultáronse 105 entrevista, 40 realiceinas eu. Outras son de proxectos como Historga da Universidade de Santiago e Nomes e Voces. Despois de vivir esta experiencia indígnanme aínda máis as noticias de todos eses presidentes autonómicos que decidiron deixar morrer aos anciáns, despois de anos de privatizacións e de falta de investimento nas residencia. É miserable.

Tras ler o teu libro parece obvio que moitos non quería estar onde estaba, nin na situación na que estaba. Por que crees que se mantivo durante tanto tempo o relato heroico sobre os combatentes de ambos os bandos?
Pola propia historia de España. Franco morreu na cama e durante o seu mandato ditatorial baseou a súa lexitimidade na vitoria militar. Nese relato que construíu Franco, os soldados eran a súa pedra angular, eran quen gañara a guerra. Representábaselles como heroes da nación, como cruzados, como liberadores. Non houbo un relato contestatario sobre isto.

Ademais, a oposición, neste caso o Partido Comunista, non reivindicou aos que loitaron con Franco e eran membros da súa organización, pero que o contexto os colocou nesa situación. O exército sublevado para eles eran fascistas, non se podía interpretar outra cousa. O anarquismo non se recuperou da guerra, o socialismo non tivo a relevancia mediática que o PCE, o republicanismo encargouse de facer gobernos alternativos e os nacionalistas, igual.

A oposición deixáronlla ao PCE e ao PCE o que lle conviña era manter o discurso bélico, a guerrilla seguía actuando baixo as súas ordes. A dicotomía continuou ata o final da guerra. Co inicio da democracia o debate social seguía sendo o mesmo, franquista contra antifranquista, e isto tivo o seu reflexo nas primeiras investigacións de historia. Tiveron que pasar anos, ata o 2000, para que empezase a xurdir unha visión da guerra non tan dicotómica, senón máis complexa.

Os episodios que narras, sucederon tamén con frecuencia nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal?
Sí, no libro trato o tema de Ferrol. Hai que ter en conta que era a Capitanía Marítima do Cantábrico. No Arsenal atopábanse os buques máis importantes. Ademais dunha gran dotación militar e un importante movemento obreiro. Co golpe de estado isto estalou e o conflito foi inevitable. Tanto contra o movemento obreiro como contra os mariñeiros que defenderon a República.

Chegouse a un conato bélico que non ocorreu en ningunha cidade de Galicia. Sucedeu porque hai que saber que moitos soldados e mariñeiros estaban a facer o servizo militar e non comungaban coa idea dun levantamento militar da forzas de África. Moitos morreron, por iso, Ferrol, nos primeiros meses foi con diferenza o lugar onde máis mortes por represión houbo de Galicia, máis que Vigo e A Coruña xuntas.

Como foi nesta zona o desenvolvemento dos acontecementos durante os primeiros meses do levantamento militar?
Os primeiros meses desenvolveuse a represión citada. A partir do 8 de agosto, que é cando se inicia o recrutamento forzoso, comezan a organizarse novas e máis potentes en número, unidades para ir á fronte. Algunhas xa saíran cara Asturias ou León. Ferrol foi unha das cidades que peor o pasou. Ninguén está libre das garras dos novos poderes fácticos.

O libro e a investigación da túa tese céntranse nun período histórico bastante recente, do que aínda quedan testemuños vivos para arroxar luz sobre o ocorrido, crees que se investigou o suficiente sobre a guerra?
Nunca se estudou o suficiente de nada. O coñecemento non se estanca, sempre vai adiante ou polo menos circular, porque aínda que se volvan sobre os mesmos temas, sempre aparecerán novidades. Os novos poderes que xurdiron tras o golpe de estado, a composición de milicias, a represión económica, as organizacións do réxime, o período da fame, son só algúns temas que historiadores trataron. Outro, evidentemente, é o do mundo social e cultural da guerra, qué pasou cos soldados sublevados e republicanos.

Ademais, concretamente en España parece que sempre houbo certos reparos á hora de estudar o ocorrido.
Débese á propia historia de España. A guerra civil supuxo unha ruptura social e cultural de 40 anos. Pasamos dos Lorca, Machado, Blasco Ibañez, á nada. Ou ao moi pouco. Mentres que en Europa librábanse do fascismo, nos territorios en non controlados polo outro totalitarismo, como era o comunista de Stalin, empezaron a facerse preguntas. Aquí non. En Europa, a historiografía, e sobre todo a filosofía, trataron este tipo de temas. Nós incorporámonos tarde, por iso imos máis atrasados.

Como foi o labor de recompilación de datos e onde conseguiches máis documentación?
Complexa. Era un tema novo, así que non sabía por onde empezar. Dirixinme ao Arquivo Militar de Ferrol e púxenme a revisar caixas e caixas, ata que empecei a atopar cousas. Entendín como funcionaba a estrutura militar e así sempre é máis fácil atopar un ou outro documento. Despois de consultar o Arquivo Militar de Ferrol, fun ao de Mariña de Ferrol, ao Arquivo Xeral Militar de Madrid, ao de Segovia, ao de Ávila, ao de Guadalaxara, ao eclesiástico militar, a arquivos provinciais e a algúns locais.
Tamén ao Arquivo Xeral da Administración. A verdade é que de arquivos militares recordo que algún outro visitei pero non recordo. Foron moitos arquivos, expedientes e documentos os que lin. Daquela as entrevistas das que xa falei e memorias escritas.

Recibiches multitude eloxios, recoñecementos e premios polo teu traballo, pero atopáchesche tamén con detractores, revisionistas ou negacionistas do que contas?
(Ri) Sí, recibín eloxios polo libro que se presenta e polas investigacións previas e moitos foron dos meus compañeiros e compañeiras de profesión. Pero, respondendo á pregunta, sí, nas redes sociais vin moitas críticas, insultos, desprezos e cualificativos de fascista e socialcomunista.

O peor é que na maior parte dos casos nótase que non leron o libro. Leron alguna reseña nun ou outro medio. Así que sí, teño os meus haters (ri). O que máis me adoitan dicir é “e da quinta do biberón da república non falas”. Que responder a isto? A miña tese trata doutro tema, pero claro que foi unha desgraza para aquela xente a mobilización. Tamén me me din “e os da república ían todos contentos”. Pois evidentemente que non e espero que alguén estude ao bando republicano. Ante ese tipo de argumentos, non podo facer nada.

Logo polo outro bando chámanme fascista, dinme que quero branquear aos soldados de Franco. Se de verdade lesen o libro observarían que a realidade é moito máis complexa. Teño 33 anos, a Guerra Civil quédame lonxe, os meus pais case nin viviron en ditadura, non son de ningún partido político. Qué interese vou ter en polémicas políticas e ideolóxicas? Pero ninguén me mandou publicar, é o prezo que teño que pagar (ri), ademais hai hater que son moi entrañables.

 

Salir de la versión móvil