Fronte común dos alcaldes de Ferrol, Eume e Ortegal para apoiar as demandas do comité de Navantia na ría

O rexedor ferrolá presidiu onte unha reunión na que se acordou respaldar as reivindicacións dos traballadores e elevalas ao Goberno central e á Xunta

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu na tarde de onte no pazo municipal unha reunión cos alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e o comité de empresa de Navantia para abordar a situación que atravesa a empresa pública de Fene e Ferrol e apoiar as reivindicacións dos traballadores. Acudiron rexedores de todos os municipios a excepción dos de Monfero, Cariño e A Capela, que non puideron asistir.

Tras o encontro, Mato anunciou o “acordo absoluto” dos asistentes para respaldar as demandas do sector naval. “Compartimos a nosa preocupación non só pola situación de Navantia senón tamén pola situación industrial que atravesa a nosa comarca”, dixo.

O alcalde apuntou que elevará ao Goberno central e á Xunta as reivindicacións dos traballadores, que pasan por “dotar de carga de traballo aos estaleiros, aproveitar a transición ecolóxica para elaborar produtos máis complexos e con maior valor engadido e apostar por todos os traballos que xa desenvolven os estaleiros”. Aínda que a situación é “complexa”, dixo, a transición enerxética “é unha oportunidade” que hai que aproveitar “sen esquecer que a construción naval militar ten que seguir xerando emprego”.

Juventino Trigo, alcalde de Fene, destacou a “situación crítica” das tres comarcas e anunciou que prepararán un manifesto conxunto que será trasladado ás administracións. Pola súa banda, Emilio García Juanatey, portavoz do comité de empresa de Navantia Ferrol, agradeceu “o apoio e receptividade” dos rexedores ás súas propostas e lembrou que a comarca necesita apostar por “unha transición enerxética”.

 

 

Salir de la versión móvil