Identificada unha muller que lanzou varios peixes aos empregados do servizo de limpeza de Ferrol

Os axentes da Policía Local identificaron á muller nun piso da rúa da Coruña e foi proposta para sanción

Axentes da Policía Local formularon unha proposta de sanción contra unha muller que lle arroxou pescado a un empregado da concesionaria do servizo de limpeza. Os feitos remóntanse á madrugada do pasado venres, 29 de maio, cando o traballador se atopaba na rúa da Coruña. O home deu aviso ao 092 e pouco despois presentouse no lugar unha patrulla. Indicoulles aos axentes que dende unha fiestra alguén lle lanzara varios peixes, que aínda se podían ver espallados pola rúa.

Os policías timbraron no inmoble e subiron ata o piso. Unha vez na porta, falaron con varias persoas que residen na vivenda, as cales recoñeceron que unha delas era a autora dos feitos. Tras ser identificada, baixou á rúa, recolleu o pescado e depositouno no colector do lixo.

Un día antes, na tarde do xoves, outra patrulla descubriu escombros, cachos de madeiras e botes de pintura, entre outros restos de material de construcción, no interior dun contedor de residuos orgánicos da rúa Río Sor. Nas inmediacións do lugar conseguiron identificar ao home que depositara todos eses elementos de forma irregular, o cal recoñeceu que así o fixera, aínda que, segundo alegou, consideraba que era pouca cantidade. Tamén foi proposto para sanción por incumprir a ordenanza de recollida de residuos sólidos urbanos.

Finalmente, na madrugada do domingo, 31 de maio, a Policía Local tivo que intervir nunha festa que se celebraba nun piso da rúa Sol. Os axentes oíron música, berros e golpes procedentes do cuarto andar dun edificio, polo que acudiron á vivenda. Comprobaron que no interior, ademais do propietario, se atopaban grupo de persoas que non residían alí, polo que se lles recomendou abandonar o domicilio. Todos foron identificados.

Salir de la versión móvil