Esta mañá comezouse a instalar o valado perimetral para iniciar a rehabilitación de envolventes dos bloques 1 a 8 da rúa Betanzos. A firma da acta de replanteo marcou o inicio dunha actuación que ten un prazo de execución de seis meses e que supón para o Concello un dos maiores investimentos dos últimos anos en obra pública.
Os traballos foron adxudicados por 1.358.275,24 o que os sitúa a un nivel similar aos da praza de Armas. “É unha obra de gran importancia non só polo seu importe, senón polo que significa, que é mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas de Recimil”, asegurou o edil da área Julián Reina. Trátase dunha actuación similar ás que se están a rematar agora mesmo nas rúas 10 de Marzal e Narón.
A intervención proxectada para as vivendas municipais do barrio de Recimil baixo a denominación de Rehabilitación das envolventes das edificacións inclúe traballos de instalación eléctrica, illamento, fontanería, enlucido das fachadas, instalación de carpintería de madeira ou pintado e acristalamento. O obxectivo é subsanar os problemas de filtracións de humidades que veñen sufrindo estes edificios desde fai décadas e que afectan á calidade de vida dos veciños.
A da rúa Betanzos é unha das tres obras que se van executar este ano en Recimil con cargo aos investimentos financeiramente sostibles e que supoñen aproximadamente dúas terceiras partes destes fondos procedentes do superávit das contas municipais. Sumada á rehabilitación das envolventes dos números 1 e 2 da rúa Ares e á renovación da rede de pluviais na parte do barrio que dá á praza de España, suporá un investimento de aproximadamente dous millóns de euros. Con estas actuacións dáselle continuidade á rehabilitación do primeiro parque de vivenda pública de Galicia e un dos primeiros de España.