O Equipo de Atestados do Destacamento de Tráfico de Ferrol procedeu a investigar esta fin de semana ao condutor dun turismo por un suposto delito de lesións por imprudencia grave. O inicio da investigación remóntase ao domingo 17 de maio, cando nunha intersección da carreta DP-0905 (Betanzos e o límite coa provincia de Lugo) produciuse unha colisión frontal entre un turismo e unha motocicleta. Neste accidente saíu mal parado o condutor da motocicleta, sufrindo lesións de carácter grave.
Tras o estudo e desenvolvemento do sinistro, os instrutores das dilixencias dan por probado que o condutor do turismo accedeu á intersección sen deter o seu vehículo e sen ceder o paso e a preferencia á motocicleta. Unha vez observadas as infraccións graves cometidas polo investigado, así como as lesións orixinadas no motorista, queda acreditada a ocorrencia do delito de lesións por imprudencia.
O atestado será remitido ao Xulgado de Instrución Nº 3 de Betanzos. O Código penal castiga ao que causar lesións por imprudencia, empregando un vehículo de motor, con penas de prisión que van desde os tres meses aos tres anos, dependendo da gravidade das lesións, e a pena de privación
do dereito para conducir vehículos de motor dun a catro anos.