Se algo lle faltaba á nova praza de Armas de Ferrol era un local de hostalaría para que o centro urbanístico do barrio da Magdalena recuperase por completo o ambiente doutras décadas. O último local na zona foi o Café Plaza, nos xa extintos soportais da praza, pero houbo anos antes outros como a Mezquita e o Negresco. Agora é o turno da Première Café, que onte inaugurou o seu novo local na antiga tenda de Adolfo Dominguez e, sobre todo, unha esplendorosa terraza de case oito metros que está a despertar a curiosidade dos paseantes da praza.
Tal e como explican os propietarios da nova cafetería, Juan e Pablo Pedreira, «despois de 5 anos dedicados ao téxtil coas nosas tendas en rúa Real e Galiano en Ferrol e o centro comercial Odeón en Narón, adentrámonos nunha nova aventura afastada totalmente do mundo da moda pero coa esencia da Première». Apunta que con este proxecto buscaban crear «un novo espazo na cidade no que nos encantaría que pasásedes moi bos momentos, rísedes, falásedes, gozásedes e sentísedesvos como na casa». Onte pola tarde xa recibiron aos primeiros clientes, que poideron desfrutar dalgunhas das especialidades de La Première, como as tartas e postres caseiros, as tostas e, por suposto, os cafés.
Este será o primeiro dos tres negocios que, polo momento, xa anunciaron que se incorporarán á fachada comercial da noxa praza de Armas. A entidade bancaria CaixaBank anunciuo que trasladaría as súas oficinas ao edificio que fai esquina entre a rúa Real e a da Terra, ocupado no seu día por Zara Man, e o grupo salmantino Recio, propietario de Perfumerías Avenida e Neobel, será o que lle dea unha nova vida ao inmenso local que deixou baleiro Zara.