Lorenzo Milá gaña o XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa

O xornalista obtivo este recoñemento, organizado polo Club de Prensa de Ferrol e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, por "personalizar a independencia informativa nos medios públicos"

O xornalista Lorenzo Milá obtivo o XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Club de Prensa de Ferrol Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia  e o

O Club de Prensa de Ferrol e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, convocantes do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, anunciaron que o gañador da XVI edición é Lorenzo Milá, logo de se celebrar a semana pasada, en acto pechado por mor do estado de alarma, o reconto de votos. A candidatura de Lorenzo Milá resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa.

Lorenzo Milá é un xornalista cunha longa traxectoria na televisión pública española, onde ten cubertos diferentes acontecementos mundiais do mesmo xeito rigoroso e profesional. É un dos xornalistas que personalizan a mellor época de independencia nos informativos nos medios públicos, onde presentou La 2 Noticias e o Telediario 2. Desde o 2014, ocupa a correspondencia en Italia para a TVE, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre a COVID-19. Milá competía nesta edición do premio Couso coa actual correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate e o recentemente cesado como director da Axencia Efe, Fernando Garea.

Debido ás circunstancias impostas pola actual crise sanitaria, non foi posíbel celebrar a rolda de prensa para anunciar o fallo desta edición do Premio Couso nin os tradicionais actos de entrega en Ferrol. Lorenzo Milá agradeceu desde Roma o premio e llo dedica a “tantos profesionais da comunicación que se xogan a vida defendendo a liberdade de prensa, a todos os informadores de calquera categoría que traballan en condicións de precariedade laboral e a quen traballa na verificación das noticias, unha función crucial”. Cando a situación o permita, realizarase un acto público coa presenza do premiado para facerlle entrega do galardón na cidade de Ferrol.

 

Salir de la versión móvil