A Audiencia Provincial da Coruña, ao abeiro do sumario elaborado polo Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol, acollerá os días 20,21 e 22 da próxima semana (continuando a semana do 26) un macroxuízo por trata de persoas contra un clan familiar de orixe venezolana formada polos procesados F. G. P., WJ. C. R., EJ. Q. H., MC. R. T., JF. R., e AJ.S.
Según o escrito da Fiscalía, o grupo organizaba a chegada a España de mulleres de nacionalidade venezolana desde o seu país cun visado de turista, incumprindo as normas de estranxeiría de acceso ao territorio nacional e facéndoas pensar que ían traballar nalgún tipo de ocupación diferente, cando en realidade o ánimo dos mesmos era que a persoa exercese a prostitución. Todos estes feitos tiveron lugar entre 2017 e 2019.
Unha das vítimas desta rede de trata de persoas, que exercerá como testemuña protexida no xuízo, vivía no seu país, en Venezuela, nunha situación de precariedade económica e coñecendo esa situación, os procesados F. G. P. e MC. R. contactaron con ela en 2017 propoñéndolle vir a España dicíndolle que gañaría moito diñeiro, aceptando a testemuña valorando as súas necesidades económicas.
Unha vez en España e tras abonar 2.500 polas pasaxes de avión, dous dos procesados levárona a varios pisos da comunidade de Galicia a exercer a prostitución, obrigándolle a pagarlles o 50 % dos beneficios que obtivese, ademais da débeda contraída con eles.
A testemuña tiña que pagar tamén gastos do piso así como estar dispoñible para o traballo as 24 horas do día. Segundo relata o escrito de acusación, viuse obrigada a exercer a prostitución durante uns 6 meses, ata que conseguiu saldar a débeda e desvincularse da organización.
A Fiscalía recolle o testemuño de polo menos outras 19 mulleres en situacións similares, que chegaron a contraer débedas de ata 6.000 euros cos procesados, os cales lles obrigaban a pagarlles unha cantidade semanal fixa duns 300 euros, máis o 50% dos beneficios que obtiñan pola prostitución. Algunhas das testemuñas manifestaron traballar durante 22 horas ao día.
As vítimas estiveron en pisos en Santiago, Málaga, Granada, Córdoba, Lugo ou Ferrol. Algunhas destas mulleres, ademais, manifestaron que sufriron agresións por parte dos procesados por atrasos nos pagos das débedas. Ademais, os acusados quedaban na maioría de ocasións coa documentación das mozas para que non puidesen tramitar a súa volta a Venezuela. Varias das testemuñas foron coaccionadas dicíndolles que publicarían fotos súas en actitudes comprometidas e outras estaban obrigadas a portar un dispositivo de localización para telas controladas en todo momento, segundo recolle a acusación pública.
Ademais de levar a cabo esta actividade ilícita, os mencionados procesados vendían substancias estupefacientes (cocaína) nos pisos onde se exercía a prostitución.
Tras varios meses de investigación, as forzas da orde realizaron un rexistro en varios dos pisos propiedade do clan, incluído un de Ferrol o 12 de febreiro de 2019, onde se atoparon variados efectos utilizados polos acusados para a realización dos feitos relatados, como varios discos duros, varios teléfonos móbiles, varios computadores portátiles, pendrives, tarxetas de memoria, terminal Sum up TPV móbil, así como variada documentación e diñeiro en efectivo: polo menos 2.120 euros e 501 dólares americanos.
Segundo a Fiscalía todos estes feitos son constitutivos dun delito continuado de inmigración ilegal e de de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e de prostitución coactiva. Ademais os procesados son coautores do delito de tráfico de drogas. Por todo iso, a acusación popular pide penas de entre 16 e 24 anos de cárcere para os membros deste clan organizado.