Máis de 200 maiores ferrolanos desfrutaron do programa de ‘Outono Ilustrado’

Ante a súa boa acollida, o Concello anunciou que está a deseñar un novo programa para principios de 2023 con máis visitas e máis prazas

Concello de Ferrol

Máis de 200 persoas maiores da cidade gozaron do programa de envellecemento activo ‘Outono Ilustrado’ deseñado polo Concello de Ferrol co obxectivo de mellorar o benestar social e a calidade de vida da poboación de maior idade ao tempo que promover a candidatura de ‘Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración’ como patrimonio da humanidade.

O programa concluíu o pasado sábado, 19 de novembro, coa quinta e última visita, na que os participantes coñeceron en profundidade o Cuartel de Dolores e Fontelonga. Como en todas as anteriores saídas —ao castelo de San Felipe, Arsenal Militar, barrio da Madalena e ao pazo de Capitanía Xeral— nesta visita cubríronse todas
as prazas ofertadas en apenas uns minutos.

A concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, acompañou este sábado aos participantes na excursión e anunciou que ante a boa acollida do programa ‘Outono Ilustrado’ o Concello de Ferrol está a deseñar un novo para principios de 2023, que incluirá máis visitas e ofertará un maior número de prazas. “Estamos a comprobar que a poboación maior da cidade ten moito interese por descubrir o noso patrimonio histórico desde unha nova perspectiva e ganas de participar en actividades ao aire libre”, indicou a edil.

Neste senso lembrou outro programa municipal de dinamización e socialización para maiores da cidade que inclúe camiñadas e actividades de estimulación mental, entre outras iniciativas. Os interesados en sumarse a estas actividades de envellecemento activo, que se desenvolven no local social da rúa Río Xubia, poden inscribirse no local cada luns, de 10.30 a 13 horas e de 17 a 20 horas.

Salir de la versión móvil