Máis de 800 negocios de Ferrol acolléronse á reducción da tarifa de Emafesa

Os comercios que se declararon "sen actividade" aforraron en conxunto 122.764,87 euros na factura do bimestre marzo-abril

O 92% dos negocios ferroláns que solicitaron a Emafesa acollerse á tarifa “sen actividade” beneficiáronse desta medida decretada polo Concello de Ferrol o pasado 9 de abril como parte do plan para paliar os efectos económicos da Covid-19. En total, os establecementos con dereito a este cambio de tarifa son 823, que suman un aforro de 122.764,87 euros na factura do bimestre marzo – abril, o que supón unha media próxima aos 150 euros.

Eses 823 usuarios representan a cuarta parte dos abonados comerciais e industriais da Empresa Mixta de Augas de Ferrol. A medida levaba aparellada tamén a suspensión temporal do cobro dos atrasos da taxa de depuración. Neste caso, con carácter xeral para todos os usuarios, tamén os particulares, unha decisión que se adoitou debido ás “excepcionais circunstancias” e para non agravar máis a situación económica da cidadanía.

Emafesa recibiu 892 solicitudes e delas aprobáronse as citadas 823, mentres que 51 procedían de negocios con actividades non contempladas no Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma, para o seu peche. O resto, outras 18, estanse a analizar debido a cuestións como falta de documentación, que existan pagos previos pendentes ou outras circunstancias similares.

A posibilidade de acollerse á tarifa “sen actividade” foi a segunda medida posta en marcha polo Concello para favorecer a economía local. Antes, xa se modificara o calendario do contribuínte para aprazar os pagos, e incluso bonificar algúns, como é o caso da taxa de terrazas. Esta flexibilidade fiscal foi estendida de novo este mesmo mes a causa da prolongación do estado de alarma.

Dentro deste paquete de iniciativas en favor do tecido empresarial ferrolán, o goberno local promoveu, co acordo de todos os grupos políticos da corporación municipal, o Plan de Mellora para a Empregabilidade, unha serie de axudas a autónomos e pequenas empresas por valor de dous millóns de euros que se están a tramitar nestes momentos. Os membros destes colectivos afectados pola crise da covid-19 poden solicitalas ata o próximo 5 de xuño.

Unha axuda aos emprendedores

O alcalde destacou, tras coñecer os datos do número de negocios que se acolleron ao cambio de tarifa, que todas as medidas de apoio a autónomos e pequenas empresas que está a pór en marcha o Concello, co acordo de toda a corporación, son, en realidade, “unhas axudas que toda a cidade, todos os contribuíntes ferroláns, co seu esforzo, lle prestan ao seu tecido económico”. “

Os emprendedores que se benefician delas deben ser conscientes de que reciben o apoio de toda a cidadanía, non dunha administración”, dixo Ángel Mato.

Salir de la versión móvil